Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A ampliación da Estación de Bombeo de Areas cun investimento de 716 mil euros realizarase antes do remate de 2015

9/09/2014

A obra está incluída no convenio de 5 millóns de euros asinado esta mañá para a mellora do saneamento do Louro

Luns, 8 de setembro de 2014. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, cualificou esta mañá o de hoxe de "día  importante" tras a sinatura do convenio entre a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e os concellos de Tui, Salceda de Caselas, Mos e O Porriño, para o investimento de 5 millóns de euros para a mellora do saneamento no río Louro. O acto tivo lugar na sala de xuntas da EDAR de Guillarei, en Tui.

No convenio figura a ampliación da Estación de Bombeo de Augas Residuais de Areas para dimensionar a actual planta cara ao futuro e facer todas as conexións da zona, de tal xeito que dará servizo ás parroquias de Areas, Randufe, Malvas e Pexegueiro. O investimento previsto é 716.994,44€ euros contando cun prazo de execución de 6 meses, e que se deberá executar antes do remate de 2015.

Por outra parte en Tui vanse executar obras de saneamento na parroquia de Randufe dentro da actuación prevista nos catro concello cun 9 quilómetros de saneamento cun investimento global que se achega aos 2.300.000€.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez sinalou que grazas a este convenio vaise executar a nova estación de bombeo de Areas tantas veces demandada e que será executada o antes posible. Explicaba que evitará os vertidos que se estaban a producir xa que amais de dar servizo ás parroquias de Areas, Randufe, Pexegueiro e Malvas, tamén o fará ao Parque Empresarial. Por iso o mandatario tudense sinalou que "é un día importante de cara ao saneamento dos nosos ríos, e en concreto do río Tripes" feito que cualificou de fundamental.