Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ampla participación nos actos de celebración da XI Xornada Europea da cultura Xudía en Tui

6/09/2010

AMPLA PARTICIPACIÓN NOS ACTOS DE CELEBRACIÓN DA XI XORNADA EUROPEA DA CULTURA XUDÍA EN TUI

 

Luns, 6 de setembro de 2010. Nesta nova edición da Xornada Europea da Cultura Xudía as actividades programadas volveron suscitar o interese dos tudenses e de numerosos visitantes.

 

O programa comezou o venres, 3 de setembro, coa inauguración da exposición “Prateiros xudeus en Tui” que integrada por unha ducia de pezas da propia Catedral e do Museo Diocesano amosa a presenza deste ourives, tanto xudeus como posteriormente conversos, traballando para o Cabido tudense na elaboración de obxectos de culto que testemuña a convivencia existente entre a comunidade xudía e a poboación cristián. Esta exposición está comisariada polos historiadores José Ramón Fernández e Suso Vila.

 

Grande éxito de participación tiveron tamén as visitas guiadas que se realizaron durante a fin de semana e que congregaron a máis de 230 persoas. Así na mañá do sábado arredor de trinta persoas asistiron á visita guiada á colección de “sambenitos” do Museo Diocesano tudense dirixida por D. Jesús Casas Otero, o seu anterior director e autor dunha monografía sobre estas pezas excepcionais do noso patrimonio.

 

En canto á visita ao conxunto histórico da cidade, celebrada onte domingo, foron duascentas persoas as que decidiron visitar os vestixios xudeus que se conservan no casco histórico tudense. Comezando na Praza do Concello, onde residían algún membros da comunidade xudía tudense, continuouse polo claustro catedralicio, visitando o gravado da Menorá, na rúa das Monxas, na ubicación da Sinagoga, seguindo pola “Casa Negra” onde está a “Torre do xudeu” do sistema amurallado medieval, para rematar na Igrexa de San Domingos, onde se reunían os familiares da Inquisición, o que serviu para ilustrar o seu papel con respecto dos conversos na Idade Moderna. Un percorrido dirixido polo historiador local, Suso Vila Botanes.

 

Finalmente na tarde do sábado tivo lugar no antigo convento de San Domingos a presentación do libro “La clave Embassy” a cargo da súa autora Patricia Martínez Vicente, e que contou coa presenza de máis de 80 persoas interesadas na fazaña humanitaria levada adiante polo médico Eduardo Martínez Alonso de rescate de perseguidos polos nazis na II Guerra Mundial, entre eles moitos xudeus polacos, e que tiña en Tui (tanto en Guillarei coma na vella Ponte Internacional) un dos principais enclaves de saída.

 

Estas actividades demostran o interese por achegarse ao coñecemento da vida dos habitantes da cidade na Idade Media e en especial dos xudeus que conviviron con tudenses naquela época. Tui agarda incorporarse á Red de Juderías, que organiza estas xornadas e que agrupa a 21 vilas e cidades españolas, á que tamén pertencen cidade galegas coma Ribadavia e Monforte de Lemos.

 

Para os responsables municipais a celebración por terceiro ano desta Xornada Europea da Cultura Xudía en Tui posibilita ofrecer a veciños e visitantes o coñecemento de aspectos ata agora escasamente divulgados, como é neste caso o patrimonio vinculado á presenza dos xudeus en Tui, e que redundará nunha maior valorización do noso conxunto histórico. O Concello de Tui agradece a colaboración de persoas e entidades que teñen cooperado no éxito desta Xornada.