Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Alumnado e profesorado do Conservatorio Profesional e da Escola de Música ofrecerán concertos nos venres de xuño e na primeira quincena de xullo

2/06/2021

A primeira cita será este venres, 4 de xuño, ás 19.30 h no Palco da Música

A música soará nas rúas de Tui os venres do mes de xuño e na primeira quincena de xullo da man do alumnado e profesorado do Conservatorio Profesional e da Escola de Música de Tui co apoio da concellería de Cultura do Concello de Tui.

Con concertos e actividades, a realizar en horario de tarde, amosarán á poboación os froitos do traballo realizado ao longo deste curso 2020/21, que estivo marcado polas restricións derivadas da pandemia da covid 19.

A cita será os venres 4, 11, 18 e 25 de xuño e o 2 e 9 de xullo, sempre que as condicións climatolóxicas o permitan.

Este venres, 4 de xuño, ás 19.30 h no Palco da Música no Paseo da Corredoira as alumnas e os alumnos de Música e Movemento da Escola de Música, xunto ao seu profesor, Eduardo Rodríguez, ofrecerán o primeiro concerto.