Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Alumnado dos institutos tudenses participou nos obradoiros de igualdade e erradicación da violencia de xénero

3/05/2022

Esta actividade forma parte da formación organizada pola concellería de Igualdade

Alumnado do IES San Paio e do IES Indalecio Pérez Tizón participou ao longo do mes de abril en varios obradoiros de igualdade e de erradicación da violencia de xénero organizados pola concellería de Igualdade do Concello de Tui para lograr unha igualdade real.

A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, explica organizan estas accións formativas para a poboación máis nova do municipio ao ter en conta que “a consecución dunha igualdade real entre mulleres e homes pasa por unha educación feminista”. Engade que “un dos eixos prioritarios para lograr a igualdade real é a loita contra a violencia de xénero” polo que este tema estivo tamén presente nas accións realizadas.

Así a iniciativa do Comando Igualdade viaxou ata a Tui da man de Priscila Retamozo, axente de Igualdade e coautora do libro “Comando Igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas!” Os grupos de 3º da ESO do IES Indalecio Pérez Tizón participaron o 19 de abril na presentación da obra; coñecendo as claves para transformar o mundo dende o centro educativo. A mesma actividade impartiuse o día 26 para  o alumnado de 2º da ESO do IES San Paio. Amais, levouse a cabo unha sesión adicional para o profesorado deste centro co obxectivo de promover un maior número de accións feministas nos próximos cursos con todo o alumnado. 

Outra das actividades realizadas foi unha charla a cargo de Joshua Alonso sobre os tipos e formas da violencia de xénero. Na mesma, a través da perspectiva dun caso real, alumnos e alumnas dos primeiros cursos do IES Indalecio Pérez Tizón puideron entender mellor a gravidade deste mal social. 

Seguindo esta liña de prevención da violencia, a axente de Igualdade Ana Román, colaboradora do Concello de Tui, tratou as relacións tóxicas co alumnado de 1º e 2º do IES Indalecio Pérez Tizón. Nestas sesións, rapaces e rapazas reflexionaron sobre as conductas violentas e de control que se exercen nas relacións de parella; promovendo unhas relacións de respecto e igualdade. 

Mentres a psicóloga Minerva Ojeda foi a responsable de abordar co alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón dous aspectos imprescindibles para a sensibilización en igualdade: os mitos do amor romántico e o amor propio. Estas sesións permitiron aos grupos de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato aprender e desaprender sobre o amor en todas as súas formas.

Estas actividades de formación en igualdade e con perspectiva feminista coa mocidade tudense son unha das prioridades da concellería de Igualdade, coas que “se da resposta á demanda do profesorado que se atopada cada día cunha realidade máis complexa neste eido” indica a responsable desta area. O obxectivo é que teñan continuidade no tempo para “acadar unha efectiva loita en materia de igualdade de trato e de oportunidades e unha verdadeira prevención da violencia de xénero”, segundo sinala a concelleira, Ana Núñez.