Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Alumnado do IES San Paio asistiu hoxe á segunda proxección do programa “O cine nas aulas”

24/03/2022

Un total de 105 alumnos e alumnas e  profesores e profesoras de 4º de ESO do IES San Paio, asistiron esta mañá á proxección da segunda película do programa "O Cine nas Aulas", no Teatro Municipal de Tui.

A través do filme proxectado o alumnado traballará sobre os mitos do alcohol, reflexionará sobre os diferentes roles de mulleres e homes; e sobre a importancia que ten a procura da nosa propia identidade.

O cinema ten un indubidable atractivo para o público obxectivo deste programa coma é a mocidade. Pero, neste caso, non debe ser entendido como un mero divertimento, senón como a oportunidade de captar a atención dos máis novos, apoiar a súa capacidade de reflexión e favorecer a análise e a crítica dos contidos educativos que presenta.

A metodoloxía do curso é que o alumnado  traballe o tema da prevención a partir das películas. Todo o material complementario que se lle facilita, serve como soporte para tratar as diversas temáticas transversais que aparecen en cada guía, xa que se considera que o cinema pode resultar un recurso de primeira magnitude para implementar todo iso, e que pode facilitar, ademais, profundar noutros ámbitos transversais que resulten do interese de cada docente.