Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Alumnado de 4º da ESO asistiu hoxe a unha nova proxección do programa O cine nas aulas

13/11/2024

A través do cine traballarán na importancia do deporte, a inclusión, as redes sociais, a discapacidade intelectual e os videoxogos

O cinema coma ferramenta educativa e de traballo é a clave sobre a que hai anos o Concello de Tui leva a cabo o programa “O cine nas aulas”, que cada curso escolar chega ao alumnado de Primaria e Secundaria dos centros educativos do municipio.

Hoxe mércores tivo lugar unha nova proxección no Teatro Municipal dunha película á que asistiu alumnado de 4º de ESO dos IES Indalecio Pérez Tizón e San Paio, Colexio Maristas Santa María e Seminario Menor San Paio. Esta foi a segunda proxección deste curso.

A través da película elixida abordouse a importancia do deporte, a inclusión, as redes sociais, a discapacidade intelectual e os videoxogos, realizándose unha análise  das personaxes. A técnica de Prevención do Concello de Tui é a encargada de elaborar as unidades didácticas coas que posteriormente traballarán nas aulas.

Cada curso escolar o Concello de Tui, a través do Servizo de Prevención de Drogodependencias, oferta aos CEIP’s e aos IES’s este programa no que se abordan múltiples problemas da sociedade actual mediante a posta en marcha de actividades preventivas, sendo a educación o elemento básico.

O cine conta cun indubidable atractivo para a mocidade. Este programa non é so unha actividade de divertimento, senón que constitúe unha oportunidade para captar a atención de mozos e mozas, apoiar a súa capacidade de reflexión e favorecer a análise e a crítica dos contidos educativos que presenta.

Tras esta proxección o profesorado traballará nas aulas o tema abordado na película a través do material complementario facilitado dende o Concello, e que servirá como soporte para tratar as diversas temáticas transversais que aparecen en cada guía. Deste xeito o cine convértese nun recurso de primeira magnitude que permite profundar noutros ámbitos transversais que resulten de interese de cada docente.