Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Aloiada 2026 brinda dúas xornadas de convivencia ao alumnado tudense de 6º de Primaria

10/06/2026

Participan sete centros educativos nunha iniciativa que se celebran dende hai máis dunha década

O Parque Natural Monte Aloia e o río Miño serán mañá xoves e o venres o escenario de dúas xornadas de convivencia moi especiais para o alumnado de 6º de Primaria de sete centros educativos de Tui. Celebrase unha nova edición da Aloiada que cada ano promove actividade deportivas e de lecer, en espazos naturais privilexiados, entre 160 mozos e mozas que o próximo curso coincidirán nas aulas xa nos institutos. Cando a eles participarán na Aloiada 40 profesores e profesoras. 

O Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, acolleu esta mañá a presentación da Aloiada 2026, actividade organizada por sete dos colexios de Tui, en colaboración co Concello de Tui. Neste acto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, trasladaba hoxe o profesorado o “recoñecemento ao extraordinario traballo que facedes día a día na sempre complexa e difícil labor de educar aos nosos fillos e ás nosas fillas” engadindo que “esta Aloiada reflicte ese compromiso que tedes coa formación do noso alumnado”.  Esta iniciativa trata de “crear comunidade entre os nenos e as nenas, e os conecta cun espazo natural que é unha auténtica xoia”. Aproveitaba Enrique Cabaleiro o acto para facer un chamamento á Xunta de Galicia para que cumpra co seu compromiso co CEIP de Pazos de Reis.

A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, destacaba que a Aloiada é “unha iniciativa necesaria, sobre todo para o alumnado, pola convivencia, porque permite coñecer as marabillas que temos no noso entorno, pero sobre todo coñecerse uns e outros e facer comunidade, que é primordial”.  Engadía que “temos a sorte inmensa de ter un profesorado implicadísimo, e esta Aloiada é mostra de todo isto”.

Mentres o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, agradecía o seu labor o profesorado e tamén a todas as persoas e empresas que fan posible esta experiencia.

O profesorado destacou o carácter único desta iniciativa que se celebra dende hai máis dunha década en Tui. Precisamente un dos profesores de Educación Física que vai participar nesta edición, Diego Rocha do CEIP de Rebordáns, viviu xa a Aloiada, nas súas primeiras edicións sendo alumno do CEIP nº1.  O profesorado coincidiu en sinalar a importancia desta actividade para xerar vínculos, favorecer a colaboración, compartir e vivir novas experiencias, e coñecer a contorna natural na que viven. Houbo tamén palabras de lembranza para os profesores e profesoras que nestes anos fixeron posible realizar a Aloiada.

As actividades que van desenvolver no medio natural nestes dous días forman parte do currículo de Educación Física. Así o xoves desenvolverán obradoiros de escalada, primeiros auxilios, nos, orientación, slack line, e supervivencia, sendeirismo do Galiñeiro ao Aloia, onde acamparán. O venres visitarán a casa forestal, onde contará coa colaboración de Manuel Lorenzo, o antigo garda forestal, percorrerán as sendas do Parque Natural, para rematar no río Miño con actividade acuáticas.  Tamén colaboran o grupo Scouts Alhoia,  Federación Galega de Montañismo, Verde azul, Kaiak Tudense, Club Remo do Miño, Club Remo Tui, Gadis, Froiz, Vectalia, Caterings Arelas, Calidus e Mediterranea, e Panadería Xulio.

O alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Pazos de Reis, do CEIP Nº1, do CEIP Nº2, do CEIP de Rebordáns, do CEIP de Caldelas, do CEIP de Randufe e do CPR Santa María Maristas agarda con ilusión esta Aloiada 2026.