Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Alfonso Ferreira presenta este xoves o seu estudo do Camiño de Santiago ao seu paso por Tui

31/03/2025

Será ás 19.30 h no Espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela

Este xoves, 3 de abril, ás 19.30 h o Espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela acolle a presentación do “Estudo do Camiño Portugués ao seu paso por Tui: peregrinos e desenvolvemento turístico” realizado por Alfonso Ferreira, persoa estreitamente vinculada ao movemento xacobeo e cunha dilatada experiencia como peregrino.

Para a elaboración deste traballo, como el mesmo manifesta, “alén de usar os medios en-liña, de bibliotecas e repertorios das universidades galegas e do norte de Portugal, estiven ao pé do Camiño na saída de Tui perante moitos meses contando peregrinos, facéndolles enquisas, poñendo cuños e mesmamente axudando aos mesmos”. Para elaborar este traballo contou con 4.324 enquisas respondidas que logo analizou para realizar esta análise que agora presenta.  Alfonso Ferreira estivo ao pé do Camiño Portugués, á saída de Tui, nos meses de febreiro, maio, agosto e novembro de 2024 contabilizando persoalmente nese período un total de 39.546 peregrinos.

O volume de datos que manexa este estudo de Alfonso Ferreira permite unha análise da peregrinación en Tui cuestionando en parte os datos que ata agora temos, dende a Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago, sobre os peregrinos que pasan na súa peregrinación por Tui, que Alfonso Ferreira conclúe temos que  incrementar.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradece este traballo realizado por Alfonso Ferreira baseado no seu altruísmo e esforzo persoal de estar catro meses ao pé do Camiño ofrecendo una imaxe de acollida e hospitalidade para os peregrinos. O rexedor tudense valora as conclusións deste estudo que inciden, nunha nova oportunidade, no dinamismo do Camiño Portugués, un dos principais recursos culturais de turísticos de Tui.