Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Actuación de eliminación de especies invasoras na beiras do río Tripes

18/03/2021

O Concello de Tui vai dirixirse ás persoas propietarias de terreos lindeiros para solicitar a autorización para que a CHMS poida actuar tamén nestas parcelas

O Concello de Tui vai dirixirse aos sesenta propietarios e propietarias de terreos lindeiros coa zona Dominio Público Hidráulico nas beiras do río Tripes ou Cotarel para solicitar a súa autorización para estender ás súas parcelas a actuación de loita contra especies exóticas invasoras que vai realizar a Confederación Hidrográfica do Miño Sil. 

En concreto a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, tras as solicitudes realizadas tanto dende o propio concello de Tui coma dende a Asociación de Muiñeiros do río Tripes, vai levar a cabo un programa de conservación e mellora do estado ecolóxico do río Tripes. A actuación contempla por unha parte a mellora do estado ecolóxico nas masas de auga. Por outra recolle a mellora da composición e estrutura da vexetación de ribeira. Ao programa foi incorporada amais a retirada de especies exóticas invasoras no Domino Público Hidráulico e da súa zona de servidume. 

Deste xeito a Confederación vai proceder á eliminación da cana común, do bambú e da acacia negra na zona de Dominio Público Hidráulico cunha roza con medios naturais e cubrindo a zona cunha manta de polietileno que impida o rebrote. De contar coa autorización das persoas propietarias das parcelas estenderá a actuación tamén ás mesmas.