Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Actividades conmemorativas do 125 aniversario da Ponte Internacional

23/03/2011

ACTIVIDADES CONMEMORATIVAS DO 125 ANIVERSARIO DA INAUGURACÍON DA PONTE INTERNACIONAL

 

Mércores, 23 de marzo de 2011. Estes vindeiros días as cidades de Valença e Tui acollen diversas actividades programadas para a conmemoración dos 125 anos da inauguración da Ponte Internacional sobre o río Miño celebrada o 25 de marzo de 1886.

 

Mañá xoves, 24 de marzo, ás 20,00 horas terá lugar a inauguración da Exposición filatélica  conmemorativa desta efeméride que está organizada polo Grupo Filatélico e Numismático de Tui e conta coa colaboración da Concellería de Cultura tudense. Nesta exposición poderemos contemplar diversas coleccións dobre pontes e obras de enxeñería, salientando a do tudense Ernesto Iglesias Almeida, cronista oficial da cidade e destacado coleccionista filatélico. Para este acontecemento foi concedido un mateselos conmemorativo co logotipo oficial destas celebracións e que estará dispoñible na exposición filatélica que estará aberta ao público, no edificio Área Panorámica de Tui, ata o día 29 de marzo.

 

Outras actividades para estes días son:

 

VISITAS GUIADAS Á PONTE INTERNACIONAL

21 a 24 de marzo – 11/ 13 h.

Comunidade escolar de Tui e Valença

Estas actividades está organizadas por ambos municipios e, no caso tudense, comezan hoxe mércores coa visita á Ponte dun grupo de escolares do CEIP nº 2 de Tui que percorreran este monumento acompañados dun guía que os achegará á historia e á significación desta ponte. Máis de douscentos alumnos dos centros educativos de Tui está previsto que participen nesta actividade ao longo desta e da seguinte semana.

 

PASEO EN LOCOMOTORA A VAPOR

25 de marzo en Tui – Paseo da Corredoira- 16,30 h.

26 de marzo en Valença – 15,30 – Avda. Estaçao

Trátase dunha pequena locomotora a vapor que pode transportar a un pequeno grupo de rapaces e que busca un achegamento dos máis pequenos ao mundo do ferrocarril e do maquetismo. Esta organizada esta actividade pola Asociación Portuense de Amigos dos Caminhos de Ferro

 

PASEOS EN BARCO TUI – VALENÇA

25 e 26 de marzo: 16 – 19 h.

Este venres e sábado a empresa Aquamiño, co patrocinio do Concello de Tui realizará paseos polo río Miño ás 16, 17h 18 e 19h con prazas limitadas. A saída será dende o Porto Deportivo de Tui. O prezo da viaxe é de 3€, e os tickets pódense retirar no Café Amadeus no Club Náutico San Telmo, ou reservar nos teléfonos 628 552 710 ou no 628 263 575. O barco conta cunha capacidade de 12 persoas. En total poranse á venda 100 prazas para a toda a fin de semana.

 

Salientar que continúa aberta ao público, dende o pasado xoves, a exposición “Histórica e ferroviaria sobre a Ponte Internacional” que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Tui e que ofrece un percorrido pola historia da construción desta obra de enxeñería de Pelayo Mancebo Agreda complementada cunha ampla mostra de material ferroviario cedido temporalmente polo Núcleo Museológico Ferroviario de Valença do Minho xunto con diversa documentación procedente do Arquivo Municipal de Tui.

 

Tamén na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui continúa aberta ao público a exposición dos traballos participantes no concurso de fotografía sobre a Ponte Internacional que reúne a 128 fotos dos concursantes tanto galegos como portugueses.

 

Estes actos conmemorativos culminarán o este venres coa sinatura protocolaria do acordo de irmandade entre as cidades de Tui e Valença unidas pola Ponte Internacional dende hai 125 anos.