Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Acordo unánime da corporación municipal para habilitar 469 mil para expropiar 9 mil metros cadrados para ampliar o CEIP nº1 e crear unha zona verde

30/05/2026

Amais aprobáronse 63.600 euros para continuar coas escavacións arqueolóxicas na praza do Pracer

A corporación municipal de Tui aprobou, o pasado xoves en pleno ordinario, por unanimidade habilitar un crédito extraordinario de 533.279,38 euros, con cargo ao remanente de tesourería, para expropiar as parcelas precisas para a ampliación do CEIP nº1  e crear un parque e para continuar os traballos arqueolóxicos na Praza do Pracer.

A maior partida, de 469.624,18 euros, destínase á expropiación das sete parcelas afectadas desde 2011 no PXOM, cunha superficie total de 9.200 m², necesarias para o desenvolvemento e acondicionamento da ampliación do CEIP nº1 e para a creación dunha zona verde no miradoiro Cóengo Valiño. Con esta habilitación de crédito, o Concello poderá iniciar o procedemento administrativo de expropiación, o que permitirá ao centro escolar contar con instalacións complementarias das que actualmente carece —entre elas un patio acorde ás necesidades do alumnado— e crear ademais unha nova zona de lecer para a cidadanía. Dáse resposta así a unha vella aspiración comunidade educativa do CEIP nº1.

A segunda partida, de 63.655,20 euros, destínase á ampliación da escavación arqueolóxica na Praza do Pracer, onde as sondaxes realizadas con motivo da reforma da praza sacaron á luz importantes restos de época romana: tres edificacións de cachotería, dous pavimentos, muros de contención, unha escaleira, unha canle e unha estrutura hidráulica ou de almacenaxe.

O valor patrimonial destes achados é excepcional, ao tratarse dos únicos restos con carácter habitacional en posición primaria localizados en espazo público no contexto do conxunto histórico de Tui. A continuación dos traballos nunha nova fase, conectando as sondaxes xa realizadas e estendendo a intervención por toda a superficie da praza, permitirá afondar no coñecemento do poboamento romano de Tui.