Abre o prazo de inscrición para o Mercado de Nadal de Tui
Amplíanse a 25 as casetas ofertadas que se instalarán amais de na Corredoira na praza da Inmaculada e refórzase a presenza gastronómica
O Mercado de Nadal de Tui presenta novidades na súa edición deste ano coa ampliación do número de casetas e do espazo onde se vai celebrar, amais de potenciar a parte gastronómica habilitando un lugar para o consumo in situ.
Así o Mercado de Nadal de Tui celebrarase do 28 de novembro de 2025 ao 5 de xaneiro de 2026 con 25 casetas de madeira que se instalarán no Paseo da Corredoira, e este ano tamén na praza da Inmaculada que vén de ser remodelada. Deste xeito crearase un percorrido máis amplo e atractivo para visitantes e expositores.
Este Mercado, promovido pola Área de Emprego e Comercio do Concello de Tui vén de abrir o prazo de inscrición. As bases completas e o enlace ao formulario de solicitude pódense consultar xa en tui.gal. As persoas artesás, comerciantes e entidades sen ánimo de lucro interesadas en participar poden presentar a súa solicitude ata as 23 h do xoves 6 de novembro. Xunto coa solicitude, deberán enviarse tres fotografías representativas dos produtos ao correo electrónico mercadonadaltui@gmail.com.
Ofértanse tres quendas: do 28 de novembro ao 10 de decembro, do 11 ao 24 de decembro e do 26 de decembro ao 5 de xaneiro.
A participación no Mercado é de balde. As persoas seleccionadas deberán depositar unha fianza de 150 €, que se devolverá ao rematar o evento, sempre que se cumpran as condicións establecidas nas bases.
O proceso de selección terá en conta a calidade, a singularidade e o carácter artesán dos produtos, así como a súa relación coa temática do Nadal. Terán prioridade as propostas procedentes do municipio de Tui e comarca, así como os produtos de fabricación galega e as persoas solicitantes que realicen obradoiros ou actividades creativas co público.
Abrirá de luns a venres pola tarde, e as fins de semana e festivo tamén pola mañá. Ofrecerá produtos artesáns, decoración, agasallos, plantas, alimentación e gastronomía. Como novidade habilitaranse mesas para o consumo in situ dos produtos gastronómicos.
O Mercado de Nadal de Tui consolídase como un dos principais eventos do calendario festivo tudense, promovendo o comercio local e a artesanía, e ofrecendo un espazo de encontro e lecer para a veciñanza e visitantes.
Para máis información e consultas, as persoas interesadas poden contactar coa Secretaría Técnica do Mercado a través do correo mercadonadaltui@gmail.com ou no teléfono 630 650 415.
Bases





