Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Aberto o prazo de solicitude de participación na XXIV Feira de Artesanía que se vai celebrar do 14 ao 17 de maio

21/04/2022

As persoas interesadas teñen até ás 23.59 do 1 de maio para inscribirse

Hoxe vén de abrir o prazo para solicitar a participación na XXIV Feira de Artesanía que se vai celebrar do sábado 14 ao martes 17 de maio, na rúa Ordóñez, e nas prazas do Concello e San Fernando.

A Feira está organizada polo Concello de Tui, contado coa colaboración coa Asociación Galega de Artesáns. Tras o parón motivado pola pandemia, retómase esta tradicional cita coa artesanía, coa que se busca impulsar a promoción comercial do sector artesán galego e apoiar a divulgación da artesanía.

As persoas interesadas en participar, sexan persoas físicas ou sociedades, legalmente constituídos ou regularizados no réxime de traballadores por conta propia, segundo o caso, deberán estar en posesión da carta de artesá/artesáns. A inscrición está aberta até as 23.59 h do 1 de maio a través do formulario dispoñible en www.tui.gal.  Ademais, as persoas solicitantes deberán remitir á organización fotografías representativas dos seus produtos ao correo comercio@tui.gal.  Está terminantemente prohibida a exposición ou venda de pezas non artesanais.

Na selección dos expositores terán prioridade as persoas artesáns solicitantes con razón social no Concello de Tui e comarca e as persoas artesáns tradicionais populares.  Valorarase tamén a calidade, singularidade e carácter diferencial da produción, a variedade de oficios representados na feira, que o obradoiro este radicado en Galicia e a presenza dos titulares ao fronte do posto durante a feira, e o ofrecemento do realización de obradoiros para o público.

O Concello disporá ata un total de 40 postos de venda que serán distribuídos entre a rúa Ordóñez,  a praza de San Fernando e praza do Concello. A Feira será inaugurada o sábado 14 de maio ás 12 h e abrirá cada xornada de 12 a 21 h.   De forma paralela á actividade de exposición e venda a organización está a deseñar un programa que incluirá actividades musicais, obradoiros, demostracións en directo, e actividades infantís. Amais a celebración deste evento coincidirá coa celebración do Día das Letras Galegas e a Feira do Libro Galego en Tui.

As persoas interesadas poden solicitar información complementaria a través da dirección electrónica comercio@tui.gal.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Bases participación XXIV Feira de Artesanía 2022