Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Aberto o prazo de presentación de solicitudes ás axudas da ARI na 2ª convocatoria da Fase 13ª

12/05/2025

O Concello de Tui vén de abrir o prazo de solicitude de axudas á Rehabilitación de Edificios e Vivendas no ámbito da Área de Rehabilitación Integral do Conxunto Histórico de Tui ao abeiro da Fase 13ª - 2ª Convocatoria. 
Poden acceder ás estas achegas tanto edificios de tipoloxía residencial colectiva coma vivendas unifamiliares. 

As axudas  consistirán na subvención das actuacións a fondo perdido, o asesoramento técnico e, no seu caso, a elaboración da documentación técnica   para a realización de obras de rehabilitación, conservación e mantemento das vivendas.  

Esta convocatoria conta cun orzamento de 69.658,22 (financiados 57.762,58 € polo Ministerio de Fomento e 11.895,64 € pola Comunidade Autónoma).
Serán subvencionables as actuacións xerais de execución de obras ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, as actuacións de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas e as actuacións de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.

O importe  de todas as actuacións subvencionables incluirá tamén os honorarios dos profesionais que interveñan, o custo de redacción do proxectos, direccións técnicas ou facultativas, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e calquera outro gasto similar, derivado da actuación, sempre que estean debidamente xustificados. No orzamento total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Para acceder a estas axudas os inmobles deben ter unha antigüidade maior de 10 anos, agás cando se trate de adaptacións para uso de persoas con mobilidade reducida ou cando as obras sexan necesarias para adaptar as instalacións á normativa técnica aplicable.

As obras con actuacións subvencionables poderán estar iniciadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2023.

As axudas poderán chegar aos 8 mil euros cun límite do 40% sobre o importe de actuación para obras de conservación e accesibilidade. Mentres para actuacións de eficiencia enerxética con reducións de demanda enerxética poderán chegar aos 12 mil  cun límite do 75% do importe da actuación se os ingresos da unidade de convivencia son inferiores a 3 veces o IPREM ou se existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos e se acometen actuacións para a mellora da accesibilidade.   

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 10 de xuño de 2025. As Bases e convocatoria publicáronse o pasado venres no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.  

As persoas interesadas poden ampliar esta información na Oficina de Rehabilitación do Concello de Tui no departamento de Urbanismo do Concello de Tui, en tui.gal, ou no correo ari@tui.gal. Pódese solicitar cita, en   citasurbanismo@tui.gal ou no 607 355 841.