Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Aberta a inscrición para a nova temporada do programa Cultiva a Mente

22/09/2022

Impartirase en oito parroquias ao incorporarse tamén Malvas

O próximo mes de outubro comezará unha nova temporada do programa Cultiva a Mente posto en marcha polo Concello de Tui coa colaboración de AFAGA. Este ano esta actividade celebrarase en oito parroquias tudenses ao incorporarse Malvas e continuar en Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Randufe, Rebordáns, e Ribadelouro.

Cultiva a Mente busca promover un envellecemento activo e saudable das persoas maiores de 55 anos  a través de diversas actividades, ao tempo que fomenta a sociabilidade ao ser unha actividade grupal.

As clases, cunha hora e media de duración, serán entre outubro e xuño. Terán lugar os martes ás 9.30 h en Malvas, e ás 11.30 h en Ribadelouro, os mércores ás 9.30 h en Pazos de Reis e ás 11.30 h en Areas, os xoves ás 17 h en Caldelas e ás 19 h en Randufe, e os venres ás 9.30 h en Guillarei e ás 11.30 h en Rebordáns. 

As persoas interesadas poden inscribirse no programa “Cultiva a Mente” descargando da web municipal a ficha de solicitude e presentándoa por sede electrónica en https://concellotui.sedelectronica.gal/ ou directamente nos Servizos Sociais na casa do concello. Pódese ampliar esta información no 986 60 36 25 ext. 25 ou no 607 194 175.

Solicitude de inscrición