Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Aberta a exposición dos traballos do concurso de carteis para as festas de San Telmo 2009

20/03/2009

XA ESTA ABERTA AO PÚBLICO A EXPOSICIÓN DOS TRABALLOS PRESENTADOS AO CONCURSO DE CARTEIS PARA AS FESTAS DE SAN TELMO 2009

 

 

A zona Anexa da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle xa a exposición dos 22 traballos presentados ao concurso convocado pola Concellería de Cultura tudense, coa colaboración da Comisión de Festas, para a elección do cartel anunciador das festas patronais de San Telmo 2009.

Abre a mostra o cartel gañador presentado pola deseñadora tudense Silvia Villaverde Miguez no que o xurado valorou "a súa innovación, calidade e adaptación á difusión de Tui e as sús festas". No conxunto de obras presentadas salienta a súa alta calidade e creatividade que mereceron unha alta valoración por parte do xurado.

Dada a alta participación acadada neste certame que por vez primeira se convocaba por parte do Concello tudense, o concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, avanza xa a intención municipal de continuar no vindeiro ano coa convocatoria deste concurso que promove a difusión e coñecemento das festas patronais da cidade de Tui.

Rodríguez Pérez agradece tamén a todos os concursantes a súa participación, destacando a presenza de xentes de todas das idades (dende nenos e mozos a personas adultas)  evidenciando o acerto desta convocatoria e o interese suscitado.

O premio de 500 euros será entregado no decurso do acto solemne de lectura do pregón e coroación das raiñas das festas a celebrar o sábado 11 de abril no Teatro Municipal tudense.