Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

800 persoas de 12 comparsas participarán o martes no Desfile-Concurso  de Entroido en Tui

7/02/2024

Comezará ás 17.30 h no circuíto establecido polas rúas novas

Un total de 800 persoas pertencentes a 12 comparsas van participar o próximo martes, 13 de febreiro, no XXXV Concurso Desfile de Entroido en Tui, enchendo de corido, animación, música,.. as rúas novas da cidade.

O desfile comezará ás 17.30 h para realizar un percorrido polo circuíto establecido nas rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. Das 12 comparsas inscritas 4 son de Tui, e as outras chegarán dende Salceda, Gondomar, Nigrán, Porriño, Redondela, Pontecaldelas, Vigo e Tomiño, irán acompañadas dun total de 15 carrozas.

A orde de participación será a seguinte Asociación Cultural Arume de Malvas de Tui con “As fochancas da Panorámica de Tui”; Asociación Diocesana Escutismo Tui-Vigo de Tui con “Case Nunca Máis”;  Asociación Cultural de Pontellas do Porriño con “A natureza e a súa maxia”; Asociación Cultural O Borralliño de Soutelo de Salceda con “Terra dos mil segredos”; Charanga Cantos Somos de Tui con “Cantos somos… o mercado gourmet”; Asociación do Centro Cultural Parada do Miñor de Nigrán con “Os Camaleónicos”; Asociación Comparsa Os Choqueiros de Redondela con “Comparsa Os Choqueiros A Nosa Tribu”; Asociación Os da Casa de Vigo con “Pop Art Andy”; Asociación A Pandilla de Pontecaldelas con “La Pandilla en Las Vegas”; Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar con “Bahaus, fantasía racional”; Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei de Tui con “Forzas militares” e Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño con “Comparsa Luces, fantasía da Flor de Loto”.

 

Establécense catro premios de 900€, 750€, 600€ e 450€ e trofeo na categoría Xeral, na que se valorará a concorrencia, actualidade, vestiario, parodia, e acompañamento musical valorados. En carrozas haberá catro premios de 600€, 500€, 400€, e 300€ e trofeo, e un único premio en fantasía de 500€ e trofeo. Amais as comparsas recibirán unha compensación pola súa participación que será de 700€ se desfilan con carroza, e de 250€ se non levan carroza.

Mentres o xurado delibera actuará o Grupo Unión y Fuerza, que continuará amenizando a xornada festiva tras a entrega de premios.

En caso de choiva o desfile podería aprazarse para o sábado 17 de febreiro, decisión que non se tomará até seis horas antes do inicio. O Entroido despedirase en Tui coa celebración o domingo 18 ás 19.30 h do Enterro do Bacallau.