Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

45 persoas fórmanse en Tui en reanimación cardiopulmonar

14/10/2022

O curso, organizado pola Área Sanitaria de Vigo, desenvolveuse na casa do Concello con motivo do Día Mundial da Reanimación Cardiopulmonar que se celebra este domingo día 16

A casa do concello de Tui acolleu esta mañá unhas xornadas formativas sobre reanimación cardiopulmonar. Desenvolvéronse en tres quendas, ás 9:00 h, ás 10:00 h e ás 11:30 h, e acudiron un total de 45 persoas entre persoal municipal, de clubs deportivos, Policía Local, Protección Civil e establecementos de hostalería.

Organizadas pola Área Sanitaria de Vigo, coa colaboración do Concello de Tui, constaron dunha charla teórica de 15 minutos e dunha parte práctica de 45, impartidas por profesionais sanitarios e membros da Garda Civil. O obxectivo destas tres sesións foi o de sensibilizar da relevancia e repercusións da morte súbita cardíaca e técnicas de resucitación cardiopulmonar RCP.

A actividade enmárcase no contexto do Día Mundial da Reanimación Cardiopulmonar, en concienciación ante o paro cardíaco, que se celebra este domingo día 16 de outubro. O lema deste ano é “Unha sociedade que salva vidas”.

A reanimación cardiopulmonar, ou RCP, é un conxunto de manobras que se realizan cando a respiración ou os latexos do corazón dunha persoa se paran. A RCP confórmase polas técnicas de respiración boca a boca e as compresións torácicas. Mediante estas dúas accións envíase osíxeno aos pulmóns do ou da paciente e axúdase así a manter activa a circulación do sangue.