280 alumnos de 5º e 6º de Primaria asisten mañá a primeira proxección deste curso do programa O cine nas aulas
A seguinte cita será o 13 de novembro para alumnado da ESO
Concello de Tui leva a cabo o programa “O cine nas aulas” que cada curso escolar chega ao alumnado de Primaria e Secundaria dos centros educativos do municipio.
Mañá mércores comeza unha nova temporada coa proxección no Teatro Municipal dunha película á que asistirá alumnado de 5º e 6º de Primaria dos CEIP’s de Rebordáns , Guillarei , Caldelas, Pazos de Reis, Randufe, Nº1 e Nº2 de Tui.
Será un total de 279 alumnos e alumnas e 18 profesores e profesoras os que mañá asistirán á proxección no Teatro Municipal. A través da película elixida abordarase a importancia do deporte, a inclusión, e a empatía, realizándose unha análise das personaxes. A técnica de Prevención do Concello de Tui é a encargada de elaborar as unidades didácticas coas que posteriormente se traballará nas aulas.
A segunda proxección desta temporada será o 13 de novembro para alumnado de 4º ESO dos IES Indalecio Pérez Tizón e San Paio, , Colexio Marista Sta María e Seminario Menor San Paio.
Cada curso escolar o Concello de Tui, a través do Servizo de Prevención de Drogodependencias oferta aos CEIP’s e aos IES’s este programa no que se abordan múltiples problemas da sociedade actual mediante a posta en marcha de actividades preventivas, sendo a educación o elemento básico.
O cine conta cun indubidable atractivo para a mocidade. Neste programa non é so unha actividade de divertimento senón que constitúe unha oportunidade para captar a atención de mozos e mozas, apoiar a súa capacidade de reflexión e favorecer a análise e a crítica dos contidos educativos que presenta. Deste xeito o cinema convértese nunha eficaz ferramenta de traballo.
Tras a proxección deste mércores o profesorado traballará nas aulas o tema abordado na película a través do material complementario facilitado dende o Concello e que servirá como soporte para tratar as diversas temáticas transversais que aparecen en cada guía. Deste xeito o cine convértese nun recurso de primeira magnitude que permite profundar noutros ámbitos transversais que resulten de interese de cada docente.