Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ás 20 h convócase a unha reunións ás persoas afectadas polos incendios rexistrados esta noite

20/03/2023

O Concello de Tui amosa súa total condena aos feitos acontecidos esta noite no conxunto histórico de Tui onde foron queimados máis de vinte coches en distintos puntos.

Tras estes graves feitos o concello de Tui solicita a colaboración cidadá para que aquelas persoas que poidan ter algunha información sobre os autores destes incendios se dirixan ao cuartel da Garda Civil de Tui. 

Solicítase que para facilitar os labores de investigacións os vehículos afectados non sexan retirados do lugar. A aquelas persoas cuxos vehículos sufriron danos menores e foron retirados do lugar solicítaselles que se poñan en contacto co cuartel da Garda Civil de Tui. 

Por outra parte nas zonas onde se produciron os incendios, ante a presenza na rúa dos líquidos empregados para extinguir o lume, débese pasar con precaución tanto a pé coma en coche, xa que poden estar esvaradizos 

As forzas de seguridade investigan estes incendios rexistrados esta pasada madrugada en 5 focos na rúa Tyde, Paseo da Corredoira, rúa Ordóñez, praza da Armada, e O Piñeiro nos que resultaron calcinados 21 coches, e sufriron danos outros vehículos e algunha fachada.

Ata Tui desprazouse Maica Larriba Garcia, subdelegada de goberno, que condenou estes feitos e amosou a súa solidariedade coas persoas afectadas e o co Concello de Tui.

O presidente da Cámara do Municipio De Valença, José Carpinteira, xunto a membros do goberno valenciano, achegouse até a casa do concello para amosar o seu apoio, ante os graves feitos desta madrugada.

O alcalde, Enrique Cabaleiro amosaba o seu total apoio aos corpos e forzas de seguridade do Estado na súa investigación. Trasladaba amais unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza e ás persoas afectadas. Para estas últimas lembramos que está convocada unha reunión ás 20 h na casa do Concello de Tui. Esta mañá reuniuse a xunta de portavoces.