Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

16 comparsas e 600 persoas protagonizan o Desfile-Concurso de Entroido en Tui o martes ás 18.00 horas

16/02/2007

16 comparsas e 600 persoas protagonizan o Desfile-Concurso de Entroido en Tui
O concello inviste nesta actividades 25 mil euros dos 9.600 se destinan a premios

As rúas novas de Tui vístense de Entroido o próximo martes día 20, Festivo Local, para acoller o Desfile-Concurso que organiza a Concellería de Cultura. 16 comparsas, que suman ao redor das 600 persoas, protagonizarán esta actividades festiva que congregará nas rúas a centos de persoas para ver as propostas imaxinativas das distintas agrupacións que chegan dende Tui, Tomiño, Salceda, Redondela e Gondomar.

A participación máis numerosa é a de Tui, con dez comparsas, co que se cumpre o obxectivo da Concellería de potenciar a participación local, incrementando o importe dos accésits para as agrupacións tudenses. 3 proveñen da parroquia de Rebordáns, e logo hai representación de Caldelas, Randufe e Ribadelouro. De Tui centro participa o grupo Scouts, a Asociación Vontade, o Club Acuático e a comparsas Cantos Somos cun total de 50 integrantes.

Dende Salceda chegará a comparsa Arco Iris, a máis numerosa das 16 que participan, con 90 persoas, e tamén estará a comparsa de Soutelo con 50 membros.

Tomiño estará dobremente representada con Revolución Show e Luces. Dende Redondela volve participar Terra de Condes, e son fieis tamén á cita Os Macanudos de Gondomar.

Entre todos competirán con deportividade por gañarse o favor do público e do xurado e levarse algún dos premios establecidos, que suman xunto aos accésit 9.600 euros. Lembramos que en comparsas establécense premios para as cinco mellores. A gañadora recibirá 500 €, a segunda 400 €, a terceira terá un premio de 300 €, a cuarta, 200 €, a quinta 100 € . Na modalidade de Carrozas haberá catro premios de 400, 300, 200 e 100 € Por último os premios de Acompañamento Musical son de 300 €, 200 € e 100 €.

As rúas por onde transcorre o desfile estarán convenientemente adornadas e iluminadas e festa continuará os remate do concurso coa discoteca móbil Space Music. O orzamento total do Entroido ascende a 25 mil euros.

Prohibido estacionar e circular dende ás 14h nas rúas por onde transcorre o desfile
Co gallo do Desfile o martes 20 de febreiro dende ás 14h e até ás 22h non se poderá estacionar e estarán pechadas ao tráfico ás rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo.

As comparsas deben participar o domingo 25 no Enterro do Bacallau

Nas bases deste Desfile-Concurso recóllese que para que os premios e os accésit sexan abonados as comparsas deberán acudir na súa totalidade, de rigoroso loito ao Enterro do Bacallao, a celebrar o domingo 25 de febreiro. O enterro partirá da Praza de San Fernando, ás 19.30 h, percorrendo ás rúas Seixas, Ordóñez e Paseo da Corredera, onde se fará unha parada no Cantón de Diómedes para ler as coplas, debéndose entregar previamente unha copia á organización, coa cara descuberta, por parte das comparsas que así o desexen. O percorrido do enterro continuará pola Praza da Inmaculada, Augusto González Besada, enlace travesía de Ourense e Aparcamento Municipal, onde se procederá á cerimonia do enterro mediante incineración.