Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

12 comparsas participan no Desfile-Concurso de Entroido en Tui o vindeiro martes 24, festivo local.

19/02/2009

12 comparsas participan no Desfile-Concurso de Entroido en Tui

Será o martes 24, festivo local, ás 18h polas rúas novas

 

Xoves, 19 de febreiro de 2009. As rúas novas de Tui volverán converterse este martes, día 24 de febreiro, no escenario do Entroido tudense coa celebración do Desfile-Concurso. A cita comezará ás seis da tarde e prolongarase ao longo de case dúas horas, até a entrega dos premios. Agárdase coma cada ano que centos de persoas ateiguen o circuíto por onde desfilarán as comparsas, máis aínda tendo en conta que é festivo local en Tui. A organización corresponde á Concellería de Cultura de Tui.

 

Este ano participan 12 comparsas, que suman máis de 500 compoñentes, das que 6 son de Tui, 2 de Tomiño, 2 de Gondomar, 1 de Nigrán e 1 de Redondela.

 

Entre todos competirán con deportividade por gañarse o favor do público e do xurado e levarse algún dos premios establecidos, que suman xunto aos accésits 9.000 euros. Lembramos que en comparsas establécense premios para as cinco mellores.

 

As rúas por onde transcorre o desfile, Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda, estarán convenientemente adornadas e iluminadas e festa continuará ao remate do concurso coa discoteca móbil Space Music. 

 

Nas tres modalidades de participación Comparsas, Carrozas e Acompañamento Musical establécense cinco premios de igual contía en cada modalidade, sendo o primeiro  premio de 500 €, o segundo 400 €, o terceiro de 300 €, o cuarto, 200 €, e o quinta 100 € . Deste xeito produciuse un incremento significativo no importe dos premios aos que optan os participantes.

 

Amais establécense unha serie de accésits pola participación. As comparsas de Tui que vaian acompañadas de carroza recibirán 500 €, e no caso de non ter carroza 250 €. As comparsas doutros municipios recibirán por estar presentes no desfile 250 € no caso de ir acompañadas de carroza, e 125 € se carecen da mesma.

 

As comparsas deben participar o domingo 1 no Enterro do Bacallau

 

Nas bases deste Desfile-Concurso recóllese que para que os premios e os accésit sexan abonados as comparsas deberán acudir na súa totalidade, de rigoroso loito ao Enterro do Bacallau, a celebrar o domingo 1 de marzo. O enterro partirá da Praza de San Fernando, ás 19.30 h, percorrendo ás rúas Seixas, Ordóñez e Paseo da Corredoira, onde se fará unha parada no Cantón de Diómedes para ler as coplas, debéndose entregar previamente unha copia á organización, coa cara descuberta, por parte das comparsas que así o desexen. O percorrido do enterro continuará pola Praza da Inmaculada, Augusto González Besada, enlace travesía de Ourense e Aparcamento Municipal, onde se procederá á cerimonia do enterro mediante incineración.