Entremans Cia presenta este venres en Tui “Gaia”
É un espectáculo para público familiar sobre o planeta Terra
“Gaia” é o título do espectáculo para público familiar que este venres, 16 de novembro, ás 20h Entremans Cia presenta no Teatro Municipal de Tui.
A través da voz e a danza, e cunha óptica moi visual, as bailarinas Kirenia Celia Martínez e Estefanía Gómez nos achegan ao planeta Terra, e á interacción entre as persoas e o medioambiente.
Ao longo de 50 minutos Entremáns Cia presenta unha historia en movemento na que a pintura, a música e o audivisual nos axudan a entender a intensidade, o poder e beleza do noso planeta e os seus tesouros. É unha proposta para público infantil e familiar a partir dos 3 anos.
As entradas para a función deste venres están á venda en www.culturatui.info ata o venres ás 12h ou o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes, ao prezo de 4€ a entrada xeral, 3€ a entrada infantil e para os que teñan dereito a desconto por posuír o carné da biblioteca municipal, carné xove, carné de estudante, familia numerosa, carné de discapacidade, desempregado ou xubilado.
A compañía de danza Entremáns creouse en 2006 en Galicia cunha filosofía de traballo grupal, na que a creación e a dirección artística se realizan en colectivo. Combinan as súas producións con labores formativas, colaboracións teatrais e asistencias coreográficas. Dende o seus inicios teñen producido unha ducia de espectáculos e ten participado en festivais nacionais e internacionais en Cuba, Bélxica, Suecia, Alemaña, Brasil, Luxemburgo, Francia, Italia, Portugal, ou Hungría. Entremans ten no seu haber distintos galardóns coma os primeiros premios do Certamen Coreográfico de Burgos-New York e do Certame de Creación Coreográfica de Galicia en 2006, o primeiro Premio da Crítica e o do público no Certame Coreográfico de Madrid en 2008, entre outros.
Entremáns Cia con “Gaia”
- Lugar: Teatro Municipal de Tui
- Data: Venres, 16 de novembro, ás 20h.
- Entradas á venda: en www.culturatui.info ata o venres ás 12h ou o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes
- Prezos: 4€ e 3€