Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde de Tui expón que ninguén lle advertiu da posible responsabilidade penal sobre a pirotecnia de Baldráns

5/11/2018

Lembra que ordenou o precinto e remitiu ao xulgado o cronograma para o desaloxo e derrubo

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, manifestou hoxe o máximo respecto e confianza na administración de xustiza, e sinalou que sempre buscou a máxima transparencia na súa xestión. Na súa comparecencia indicou que “non estivo nunca no meu ánimo desobedecer unha resolución xudicial” ao tempo que lamentou que “non estiven ben asesorado” indicando que ninguén lle advertiu que había risco de responsabilidade penal, algo do que non tivo coñecemento até a providencia do pasado 3 de setembro na que se impuña unha multa de 1.500€, e se aludía a unha providencia anterior do 16 de xuño de 2017, que non figuraba no expediente e que xa advertía da posibilidade de responsabilidade penal cando Carlos Vázquez Padín ainda non era alcalde, ninguén lle advertiu ao actual alcalde disto.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, insistiu que ata a providencia do 3 de setembro de 2018 non tiña coñecemento da posible responsabilidade penal neste asunto. Explicou que durante varios meses a súa actividade coma mandatario municipal estivo centrada, case en exclusiva, en atender aos veciños de Paramos e as consecuencias desta catástrofe.

O rexedor tamén afirmou que está a cumprir coa sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Pontevedra tras ordenar o precinto das instalacións da pirotecnia en Baldráns no mes de setembro, e presentar hai uns días neste xulgado o cronograma a seguir tanto para o desaloxo como para o derrubo parcial destas instalacións.

Precisamente sobre o desaloxo indicou que agarda a máxima colaboración da subdelegación do goberno, xa que nas instalacións de Baldráns hai tanto material da propia empresa coma o incautado nos almacéns ilegais tras a explosión do 23 de maio no barrio da Torre. Por último explicou que se vai readaptar o proxecto de derrubo que existía da pirotecnia, para dar cumprimento á sentenza.