Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A realización de bibliotecas móbiles proxecto destacado do curso de “Montaxe de mobles e elementos de carpintería” impartido nos últimos catro meses

8/05/2018

Os alumnos comezan hoxe as prácticas en empresas da contorna

A realización de tres biblioteca móbiles destinadas aos centros escolares tudenses, baseadas no proxecto inicial de Aldea del Talento, foi o proxecto destacado realizado polos 15 alumnos do curso de “Montaxe de mobles e elementos de carpintería” impartido polo Concello de Tui no Centro Municipal de Formación. 

Esta actividade formativa constou de 538 horas de formación teórico-practica nas que o monitor do curso Aitor Martínez apostou por facer un proxecto diferente no que ilusionar e involucrar ao alumando. Deste xeito, tras coñecer o deseño de bibliotecas móbiles de Aldea del Talento, púxose en contacto coa súa fundadora, Rosa Poo, que cedeu os planos realizados pola arquitecta Helena del Río a raíz das propostas feitas polos nenos. 

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, e a concelleira de Formación e Emprego, Mila González, achegáronse hoxe até o taller de carpintería no Centro Municipal de Formación para felicitar aos alumnos e ao monitor polo traballo realizado.  O alcalde destacou que  estes espazos de lectura infantil servirán para incentivar este hábito, amosando a súa satisfacción polo resultado obtido.

Mentres a concelleira  de Formación e Emprego, Mila González, amosou a súa satisfacción co curso tanto polo que supón para o alumnado esta formación, abrindo portas a súa inserción laboral, como polo resultado do proxecto realizado, que agardan poder continuar en próximos cursos para que cada centro educativo de Tui conte cunha destas bibliotecas móbiles. Tamén quixo amosar o seu agradecemento a Aldea del Talento pola súa colaboración.