A artesanía será a protagonista esta fin de semana no conxunto histórico de Tui
42 artesáns participarán na XXII Feira de Artesanía que se celebrará o sábado 5 e o domingo 6 de 12 a 22h
O conxunto histórico de Tui será o escenario esta fin de semana, sábado 5 e domingo 6 de maio, da XXII Feira de Artesanía organizada polo Concello de Tui, a través da concellería de Comercio, coa colaboración da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e a Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui. O obxectivo desta actividade, que conta cunha longa tradición na cidade, é apoiar a difusión e comercialización do produto artesán, ao tempo que se dinamiza o conxunto histórico da cidade e o centro comercial aberto.
Dende o sábado a mediodía e ata o domingo a última hora da tarde corenta e dous artesáns, dos que quince son de Tui, todos eles con cartá de artesán amosarán as súas creacións en cerámica, textil, madeira, vidro, ... Estarán distribuídos pola rúa Ordóñez e a Praza de San Fernando. Amais na praza de San Fernando participarán tamén a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e a Asociación de Bordado ao Aire da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui.
Ao tempo está prevista a actuación de varios grupos de Tui. O sábado será a quenda do grupo folclórico Seixos Albos de Areas (12h), a Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei (13h), a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos (18h) e a agrupación Inquedanzas de Pazos de Reis (20h), e o domingo actuarán a Banda de Gaitas O Mosteiro de Pexegueiro (12h), o grupo da Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro (18h) e a Banda de Gaitas Arume de Malvas (20h). Amais tanto o sábado coma o domingo haberá inchables para os cativos no Paseo da Corredoira.
A concelleira de Comercio, Yovana Velázquez, convida a visitar Tui esta fin de semana pasear polo conxunto histórico e coñecer a artesanía elaborada tanto en Tui coma en Galicia, ao tempo que disfrutar da nosa cultura tradicional a través do folclore local.
XXII Feira de Artesanía de Tui
- Lugar: rúa Ordóñez, Praza do Concello e Praza de San Fernando
- Data: Sábado 5 e domingo 6 de maio de 12 a 22h
- Participan: 42 artesáns galegos (15 de Tui), a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e a Asociación de Bordado ao Aire da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui.
- Programación
- Sábado 5 de maio
- 12h inauguración e actuación do grupo folclórico Seixos Albos de Areas
- 13h Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei
- 18h Banda de Gaitas San Xoán de Paramos
- 20h Agrupación Inquedanzas de Pazos de Reis
- Domingo 6 de maio
- 12h apertura e actuación da Banda de Gaitas O Mosteiro de Pexegueiro
- 18h Grupo da Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro
- 20h Banda de Gaitas Arume de Malvas
* Os dous días haberá inchables para os cativos no Paseo da Corredoira