Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta fin de semana celébrase o III Torneo de Tenis da Eurocidade e o V Torneo de Fútbol 7

15/09/2016

Un millar de persoas participan este mes nas cinco actividades deportivas da Eurocidade

Un millar de persoas participarán nas cinco actividades deportivas se celebran este mes de setembro ao abeiro do calendario organizado pola Eurocidade Tui-Valença.  Só esta fin de semana 600 deportistas competirán no III Torneo de Tenis da Eurocidade e no V Torneo de Fútbol 7. Estas dúas citas foron presentadas esta mañá na casa do concello polos responsables de deportes das dúas cidades, Laureano Alonso, e José Monte, xunto a Pablo García do Club de Tenis Tui e Elías Vieiro do Tyde F.C. e Antonio Oliveira do S.C. Valenciano.

O concelleiro de Deportes de Tui, Laureano Alonso, destacou a aposta feita polas actividades deportivas dende a Eurocidade, mentres que o seu homólogo de Valença, José Monte, explicou que ante a conmemoración este mes da Semana Europea do Deportes decidiron marcar cinco eventos, ao tempo que salientou o éxito na acollida deste calendario conxunto.  

Pablo García, do Club Tenis Tui, avanzou que no III Torneo de Tenis da Eurocidade bátese récord  non só do propio torneo senón tamén a nivel provincial ao ser o segundo máis numeroso. Participarán 196 persoas das que 35 serán nenos e 24 mulleres. Coma datos concretos destacaba que dende mañá venres e ata o 2 de outubro se xogarán 202 partidos nas pistas de tenis de Areas en Tui e da piscina municipal de Valença.

O Campo de Fútbol Álvarez Durán en Tui acollerá o sábado de 10 a 14h e de 16 a 18h os encontros de alevíns e infantís do V Torneo Eurocidade Fútbol 7, mentres que dende ás 11h o estadio Dr. Lourenço Raimundo en Valença acollerá os partidos da categoría benxamín. O domingo dende ás 10h no estadio Dr. Lourenço Raimundo celebraranse as finais. Participarán 16 equipos por categoría, a metade galegos e a metade portugueses, que sumarán 380 futbolistas.

A próxima fin de semana celebrarase unha nova andaina saudable e o torneo de xadrez

A próxima fin de semana haberá dúas novas citas na Eurocidade. Por unha banda celebrarase unha nova andaina do Circuíto de Andainas/Caminhadas Saudables da Eurocidade que realizará o tramo do Camiño Portugués entre Paredes de Coura e Tui na xornadas do sábado e o domingo.  Para esta actividade a inscrición, cun prezo de 5€ por día podéndose inscribir de forma independente en cada día, está aínda aberta en clubandatui@gmail.com ou no teléfono 607 785 601.

E por outra parte o sábado 24, de 10 a 20h disputarse o II Torneo de Xadrez da Eurocidade. Pola mañá a competición terá lugar na Área Panorámica de Tui e pola tarde na Praça da República de Valença, onde se disputarán as finais. Está previsto a participación de 120 xogadores dende A Coruña ata Faro, sendo a metade de cada país. A inscrición está aberta en xg@xadrezgalego.net ou no teléfono 986 26 02 59 ata o xoves 22 ás 20h.

Cómpre lembrar que pasada fin de semana celebrouse o  III Torneo Eurocidade de Hoquei no que o Porto se levou a vitoria nun evento no que participaron 120 xogadores.