Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Preto 11.500 persoas pasaron pola Oficina Municipal de Turismo de Tui en xullo

12/08/2016


Son 4.500 persoas máis que no mesmo mes do ano pasado. O tren turístico e as visitas guiadas están a ter unha gran acollida


 


A Oficina Municipal de Turismo de Tui rexistrou o pasado mes de xullo un total de 11.486 consultas por parte de turistas e peregrinos que se achegaron ata este punto situado na Praza de San Fernando.


Das 11.486 persoas que pasaron por este punto de información 7.592 eran españois e 3.894 estranxeiros. Deste total 2.547 eran peregrinos que se achegaron ata a Oficina de Turismo a selar a súa credencial ou demandar información sobre aloxamento, trazado do camiño, o lugares de interese a visitar. Os peregrinos estranxeiros foron os máis numerosos con 1.542 consultas e os nacionais con 1.005.


O concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, fai un balance positivo destes datos, tendo en conta  o incremento rexistrado con respecto ao mesmo mes do ano pasado cando 6.902 persoas pasaran pola Oficina Municipal de Tui.  Salientaba amais o edil a gran acollida que están a ter as  iniciativas no eido turístico que se puxeron en marcha este verán coma as visitas guiadas gratuítas ou o tren turístico que une a Fortaleza de Valença e o casco urbano de Tui.


No tren turístico, nunha hora aproximada de percorrido, os viaxeiros teñen a oportunidade de percorrer as rúas da Fortaleza de Valença – dende onde sae ás horas en punto, atravesar a vella Ponte Internacional, e subir pola Avenida de Portugal, Martínez Padín, e Augusto González Besada ata o céntrico Paseo da Corredoira en Tui. O punto de saída do tren en Tui é a Praza da Inmaculada pola mañá ás 11.30h, 12.30h e 13.30h, pola tarde ás 16.30h, 17.30h e 18.30h e pola noite ás 22h e ás 23h.  O prezo da viaxe de ida e volta é de 3€ existindo descontos para nenos e grupos.


Por outra parte proseguen as visitas guiadas gratuítas ao conxunto histórico. Pola mañá ás 12.30h de luns a venres, e ás 13h os sábados, domingo e festivos, realízanse ao Tui Xudeu coa particularidade de que este ano por vez primeira pódese visitar o único patio xudeu que se conserva en Galicia – o patio de Salomón- e os martes e xoves os sambenitos no Museo Diocesano. Polas tardes ás 20h de luns a domingo faise un percorrido polo Tui medieval. Saen da Praza da Inmaculada.


A Oficina Municipal de Información Turística abre de luns a domingo de 9 a 14 e de 15 a 19h. De luns a venres – salvo festivos - vese reforzada polo Punto de Información Turística, na praza da Inmaculada, que atende de 9.30h a 14.30h.