Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Catedral de Tui tínguese de vermello co XII Música no Claustro

27/07/2016


O festival volve do 3 ao 7 de agosto á Catedral de Tui con concertos, obradoiros e conferencias que fusionan música e patrimonio


Esta mañá presentouse no Claustro da Catedral de Tui a XII edición de Música no Claustro que se celebrará entre o 3 e o 7 de agosto. Á presentación acudiron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o director do festival, Samuel Diz; o cóengo emérito e mentor do evento, Ricardo García; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro; o conselleiro en Galicia de Artistas Intérpretes ou Executantes (AIE), Xacobe Martínez; e a música Sandra Pérez, quen interpretou unha peza ao vibráfono.


O rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, dixo sentirse “privilexiado” de poder presentar este festival nun lugar “tan emblemático como é o Claustro da Catedral de Tui, símbolo por excelencia do noso patrimonio histórico”.  Cabaleiro engadiu, así mesmo, o “perfecto binomio entre creadores formados no conservatorio de Tui e a posta en valor do noso patrimonio que define á cidade no mundo”.


Música no Claustro busca este ano o “diálogo transversal entre o edificio da Catedral e micro elementos patrimoniais como á grana cochinilla”, segundo apunto o seu director, Samuel Diz. A grana cochinilla, a través da que xira parte desta edición, trátase dun parasito que chegou dende México para revolucionar a sociedade tudense da época a través da súa capacidade para tinguir de vermello os tecidos. Na conferencia “vermello profundo” –xoves 4, 18.30h– darase conta dos seus usos na indumentaria eclesiástica e nos códices musicais da época .


“Un festival eminentemente familiar”, salientaba Samuel Diz, que organizará ademais unha xincana para que a rapazada descubra de forma lúdica o conxunto catedralicio. Como cada ano os concertos remataran coa apertura ambigú-xardín da catedral que permita relaxarse e intercambiar opinións nun entorno único.


En total, 5 concertos principais en diferentes puntos da Catedral, diversas conferencias e obradoiros de artesanía permitirán a fusión entre música, patrimonio e creación interdisciplinar da que fai gala o evento.


Música no Claustro, que ten unha duración de cinco días, forma parte do programa cultural de verán do Concello de Tui. O programa completo pode consultarse na web http://musicanoclaustro.com