Do 25 de xuño ao 2 de xullo celébranse as I Xornadas Arqueolóxicas e do Patrimonio do Concello de Tui
Do 25 de xuño ao 2 de xullo vanse celebrar as I Xornadas Arqueolóxicas e do Patrimonio do Concello de Tui co obxectivo de pór en valor o patrimonio arqueolóxico tudense.
A inauguración das xornadas terá lugar este sábado, 25 de xuño, na Sala Félix Rodríguez, cunha serie de conferencias en horario de mañá e tarde. Xa a partir do luns 27 realizaranse as intervencións arqueolóxicas para a recuperación dos restos óseos da necrópole e sondaxes arqueolóxicas e as visitas guiadas ao xacemento na igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns.
A inauguración das xornadas este sábado, 25 de xuño, terá lugar ás 12h a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Patrimonio, Carme Núñez. Pola mañá intervirán a codirectora das xornadas e arqueóloga Nieves Veiga López quen disertará sobre “Achegamento á arqueoloxía e ao patrimonio cultural”; a arqueóloga e investigadora USC, Rebeca Blanco Rotea falará de “A fortificación da cidade de Tui na Idade Moderna” e o arqueólogo Juan José Perles Fontao abordará a “Apertura do Sartego na capela de Santo André na Catedral de Tui”.
A actividade retomarase partir das 16h co director do Arquivo da Catedral de Tui Avelino Bouzón Gallego ofrecerá a conferencia “Notas Históricas sobre a Igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns”; intervirá tamén o arqueólogo da Xunta Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez e os arqueólogos Marco Antonio Rivas Nodar e Francisco Javier Chao Álvarez dando conta da fase 2 da campaña 2014 da excavación e restauración do convento de San Francisco. Previa á clausura, prevista para ás 19h, o codirector das xornadas, antropólogo físico e bioarqueólogo Patxi Pérez Ramallo disertará sobre “Análises osteolóxicas e biomoleculares: profundización a partir dos restos óseos medievais do antigo convento de San Francisco, A Coruña”.
Do luns, 27 de xuño, ao sábado, 2 de agosto, levaranse a cabo intervencións arqueolóxicas encamiñadas a recuperar os restos óseos en superficie da necrópole de San Bartolomeu para evitar a súa degradación e darlles o axeitado tratamento de conservación. Farase un estudo de arqueoloxía funeraria sobre a orientación, tipoloxía e outros elementos das tumbas así coma análises osteolóxicas e biomoleculares co fin de obter información sobre a idade, sexo, estatura, dieta e posibles movementos migratorios. Con estas intervencións tamén se busca aclarar puntos ou datos descoñecidos polo momento coma a extensión da necrópole ou as antigas estruturas da igrexa.
Ao longo desta semana, do 27 de xuño ao 2 de xullo, haberá visitas guiadas ao xacemento na igrexa de San Bartolomeu, para ás que é preciso inscribirse previamente no correo xornadasdetui@gmail.com. Nas mesmas poderase coñecer de xeito directo, ameno e didáctico os traballos que se van realizar.