Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Catorce equipos participan o domingo en Tui na segunda xornada da Liga Internacional de Clubs Luso Galega

13/05/2016

Este domingo, a partir das 14.30h, celébrase no novo pavillón de deportes de Tui a segunda xornada da Liga Internacional de Clubs Luso Galega de Judo 2016 organizada polo Juvalença e o Judo Club Tudense. Na mesma van participar 11 equipos masculinos e 3 femininos de Galicia e Portugal.

Esta mañá tivo lugar na casa do concello de Tui a presentación deste evento deportivo por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, a presidenta do Juvalença, Argentina Rosa da Silva, e o presidente do Judo Club Tudense, David Morais.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, deulles os parabéns aos representantes do Juvalença e do Judo Club Tudense polo seu esforzo e traballo para o desenvolvemento deste deporte, ao tempo que convidou á poboación a presenciar este domingo a competición. Destacou amais coma a fin de semana chega chea de eventos deportivos na cidade, a amais desta competición de judo co II Rallie Eurocidade, a XIII Andaina Tudense, e o derbi entre o Caldelas e o Ribadelouro.

O concelleiro de Deportes de Tui, Laureano Alonso, destacou que a deste domingo é unha xornada importante para o judo, un deporte, dicía, que se está asentando en Tui. Tras a competición realizada en Santarem, Tui acolle a segunda xornada desta liga de judo que rematará en Coimbra.

A presidenta do Juvalença, Argentina Rosa da Silva, e o presidente do Judo Club Tudense, David Morais, explicaron que os deportistas dos dous clubs competirán unidos coma un único equipo representando á Eurocidade.