Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui e San Juan de la Arena estreitan lazos unidos por San Telmo

2/04/2016


O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, deu a benvida esta tarde no salón de sesións da Casa do Concello de Tui á delegación da parroquia de San Juan de la Arena, do concello asturiano de Soto del Barco que se achegaron ata Tui para participar nas festas de San Telmo, santo co que comparten devoción.  Estivo acompañado polos concelleiros tudenses Yolanda Rodríguez, María José González, José Ramón Magán, José Martínez Tato e Mila González. Mentres o alcalde de Soto del Barco, Jaime Menéndez,  o párroco de San Juan de la Arena, Faustino Martínez, e a presidenta de Comisión de Festas de San Telmo de San Juan de la Arena, Dolores Martínez, encabezan a delegación asturiana. No acto tamén estiveron o presidente da Confraría de San Telmo de Tui, Manuel Cortegoso, e o presidente da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui, Ángel Alonso.


Enrique Cabaleiro manifestou que é “un pracer recibiros nestas datas tan especiais para nós”, desexando aos veciños de San Juan de la Arena que disfruten da súa estadía en Tui e das festas. Sinalou amais o alcalde de Tui lle congratula “contribuír á irmandade das nosas localidades que comparten a devoción a San Telmo” pero tamén outros elementos coma a pesca do meixón ou contar cun patrimonio monumental, natural e histórico. Agradeceu o rexedor o traballo tanto da Confraría de San Telmo como da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui para estreitar lazos con esta parroquia asturiana.  Amais o alcalde de Tui aceptou a invitación realizada polo seu homólogo de Soto del Barco para acudir ás festas de San Telmo que a finais de setembro celebran en San Juan de la Arena.  Tal e coma explicou Jaime Menéndez a diferenza de datas na celebración dos festexos con respecto a Tui débese a que as festas de San Telmo no seu municipio se establecían en setembro para facelas coincidir co final da costeira do bonito.