Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tanxarina presenta este sábado no Teatro Municipal “A casa do avó”

3/03/2016


Será ás 18.30h baixo a dirección de Cándido Pazó. As entradas están xa á venda en www.culturatui.info


 


O Teatro Municipal de Tui acolle este sábado, 5 de marzo, ás 18.30h a representación de “A casa do avó” da man de Tanxarina Títeres. Trátase dunha obra de teatro de monicreques de 50 minutos de duración dirixida a pública familiar a partir dos 5 anos.


Sobre o escenario estarán Andrés Giráldez Río, Eduardo A. Rodríguez Cunha “Tatán” e Miguel Borines Fernández, actores e manipuladores. A dirección corresponde a Cándido Pazó.


Entre o cómico e o poético están as pequenas aventuras dun neno por axudar ao seu avó, que vai ser desaloxado da súa casa por un banco. O apoio solidario propicia un final feliz nesta obra na que hai un xogo permanente entre bonecos, escenografía e actores. 


A compañía Tanxarina Titeres creouse no ano 1983 converténdose dende entón nunha das  formacións mais recoñecidas e prestixiosas do teatro de monicreques galego. Marionetas de fíos, monicreques de luva, de variñas, sombras chinas e outros forman parte das obras nas que a relación entre obxectos e actores é unha das sinais de identidade da compañía dende os seus primeiros espectáculos.


As entradas están á venda en www.culturatui.info ata o sábado ás 12h ou o sábado dende ás 17h no despacho de billetes ao prezo de 3,5€ e 2,5€.



Tanxarina con “A casa do avó”


Lugar: Teatro Municipal de Tui


Data: Sábado, 5 de marzo, ás 18.30


Entradas:  á venda en www.culturatui.info ata o sábado ás 12h ou o sábado dende ás 17h no despacho de billetes


Prezo: 3,5€ e 2,5€.