Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui pecha o 2015 con máis 5300 espectadores no Teatro Municipal

31/12/2015

Cheo total no Concerto de Fin de Ano celebrado onte á noite no Teatro Municipal de Tui. Con este evento musical pechouse a programación cultural deste 2015 neste espazo escénico que de novo realiza un balanzo positivo en número de espectadores, situándose nos primeiros postos da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Deste xeito ao longo deste ano pasaron polo patio de butacas do Teatro Municipal de Tui 5.310 espectadores que disfrutaron dos 18 eventos realizados ao abeiro da programación oficial. A estes espectáculos sumáronse outras actividades realizadas ao longo dos últimos doce meses coma a Semana de Teatro Amador, o Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, os concerto da Escola de Música e do Conservatorio Profesional, o Festival Internacional de Instrumentos de Tecla da Eurocidade, IKFEM, así coma as actividades realizadas nestes espazo por centros educativos ou asociacións sociais con actos tanto educativos coma solidarios ou vinculados ao patrimonio. Deste xeito foron 50 os días en que nestes 2015 o Teatro Municipal de Tui abriu as súas portas para acoller un total de 70 actividades ás que asistiron 20 mil usuarios.

Con estes datos Tui remata o ano 2015 sendo un dos tres primeiros espazos da Rede Galega de Teatros e Auditorios en canto á media de espectadores. Tendo en conta que son 40 os espazos escénicos que conforman a rede e que Tui ocupa o posto dezaoito por número de poboación é todo un éxito ser un dos tres primeiros en canto a asistencia de público.

Outro dato destacable do balanzo de 2015 é que o 40.% do público que acudiu aos espectáculos oficiais apostaron por mercar a súa entrada a través da web www.culturatui.info que se ten consolidado coma o método para a adquisición das localidades para o Teatro tudense.

Pechado o 2015 a Concellería de Cultura do Concello de Tui ultima xa os detalles da programación correspondente ao primeiro semestre de 2016 que se dará a coñecer nunhas semanas. Na mesma inclúense tanto os espectáculos programados no Teatro Municipal coma outros eventos que teñen lugar ao aire libre coma o Entroido ou as feiras do Libro e de Artesanía.