Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Música, deporte, beléns ou exposicións son algunhas das propostas da Axenda de Nadal da Eurocidade

3/12/2015

A Música, o deporte, a gastronomía, os beléns xunto coas exposicións, son algunhas das actividades previstas para este Nadal na Eurocidade Tui-Valença.

A Axenda de Nadal da Eurocidade foi presentada este mediodía na Pousada de San Teotónio en Valença por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e do presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro; xunto cos concelleiros de Cultura de Tui, María José González e o de Valença, José Monte; e o concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón Rey.

 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que “este se trata dun acto simbólico con moita transcendencia, xa que Tui e Valença realizaron por segundo ano consecutivo esta axenda conxunta entre as dúas cidades, o que representa o espírito da Eurocidade”. O rexedor tudense amosouse convencido de que nos anos vindeiros poderá acudir a máis presentacións de actividades realizadas en conxunto pola Eurocidade.

 

Pola súa parte, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, deu conta dos obxectivos desta Axenda de Nadal, que é a de potenciar o papel da Eurocidade atraendo visitantes e turistas. Puntualizou Jorge Salgueiro que ademais pretenden proporcionar ós cidadáns e comerciantes unha oportunidade de lecer e ledicia  nestas datas festivas.

 

A concelleira de Cultura, María José González agradeceu a oportunidade de poder traballar conxuntamente e destacou a programación a celebrar en Tui, como o Mercado de Nadal desta fin de semana, o Concerto de Nadal da Escola de Música e do Conservatorio, exposicións de beléns e a ruta de visitas, torneo de bádminton ou o Concerto de Fin de Ano.  Tamén quixo o concelleiro de Cultura de Valença, José Monte, destacar as 26 actividades que conforman esta programación de Nadal na Eurocidade.

 

Un amplo abano de actividades conforman a Axenda de Nadal

O acendido da iluminación de Nadal nas dúas cidades marca mañá venres o inicio desta programación.  Asemade, dende mañá venres e ata o 6 de xaneiro funcionará de novo o tren turístico cun percorrido dunha hora entre Tui e Valença. O prezo por persoa é de 3€ e os nenos menores de 10 anos 1,50€.

 

Ademais, mañá venres na Cámara de Valença ás 22.30 hora española será presentado o libro “Valença da fundación á Eurocidade” de Manuel Augusto Pinto Neves. Continuando en Valença, a partir de mañá e ata o próximo martes celebrarase a Fortaleza de Chocolate, unha actividade á que se suma o sábado Duendelândia que se prolongará ata o domingo 13 con actividades de animación para nenos e a presenza de Papa Noel.

 

Este domingo terá lugar en Tui o cuarto Mercado de Nadal na Praza de San Fernando, Praza do Concello e rúa Ordóñez, con máis de 70 postos do comercio local, hostalería e artesanía.  Mentres o domingo no mercado de Valença terá lugar a feira de antigüidades.

 

No eido deportivo o sábado 12 celebrarase o Trilho de Mosteiró pechando o circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade e tamén o IV Trofeo da Eurocidade de Natación. O sábado 19 disputarase o I Torneo de Xadrez da Eurocidade, o domingo 20 haberá o II Paseo BTT de Nadal, e o martes 29 celebrarase o I Torneo de Bádminton.

 

A música será protagonista con distintos eventos, entre os que destaca o Concerto de Fin de Ano que terá lugar en Tui o mércores 30 de decembro, o Concurso de Panxoliñas na Catedral o 3 de xaneiro, ou os concertos de Nadal do Conservatorio e da Escola de Música de Tui o 17 de decembro, da Academia de Música de Valença o 11 deste mes, e da Asociación Cultural de Verdoejo o día 13, e do coro polifónico de San Teotónio o 20 de decembro.

 

Nesta programación figura tamén a Exposición Colectiva de Presépios que ata o 9 de xaneiro se pode visitar en Valença, ou a Exposición Colectiva de Beléns que do 19 de decembro ó 7 de xaneiro se amosará na Catedral de Tui e nas igrexas de San Francisco e San Telmo, así coma na Residencia San Telmo e no Convento das Encerradas.

 

Un ano máis volverá estar na Eurocidade o programa “Somos Portugal” da TVI.

 

Esta programación pecharase o 5 de xaneiro coa Cabalgata Internacional de Reis da Eurocidade que sairá ás 17h españolas de Valença, cruzará a vella Ponte Internacional, e rematará no Paseo da Corredoira en Tui entorno ás 19h.