Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Gala do Patrimonio Ponte nas Ondas terá lugar o 25 de novembro no Teatro Municipal de Tui

20/11/2015

A Gala, na que se exaltará o patrimonio galego-portugués, contará coa participación de escolares e diversas actuacións, que serán retransmitidas pola TVG e a RTP portuguesa

Venres, 20 de novembro de 2015. O vindeiro mércores 25 de novembro o Teatro Municipal de Tui acollerá durante todo o día a Gala do Patrimonio Ponte nas Ondas, organizada pola entidade e que conta coa colaboración da concellería de Cultura e a Radio Municipal de Tui.

As actividades que se realizarán durante todo o día están dirixidas tanto a centros educativos de ambas beiras do Miño como ó público xeral. A Asociación 'Ponte nas Ondas' escolle este día, o 25 de novembro, co gallo da conmemoración dos dez anos que pasaron dende que o patrimonio inmaterial galego-portugués optaba a ser proclamado pola UNESCO como Obra Mestra do Patrimonio da Humanidade, converténdose deste modo na primeira candidatura multinacional promovida por centros educativos de dous países da Unión Europea. Malia a que finalmente a candidatura non foi proclamada, a Unesco recomendou volver presentar a proposta atendendo ó gran valor e riqueza das manifestacións e expresións deste patrimonio.

Así, a programación do día 25 inaugurarase coa Mostra de Oralidade Galego-Portuguesa baixo a denominación 'Temos Patrimonio!' dirixida a alumnado de centros educativos e que comezará ás 11:30h, no Teatro Municipal de Tui. Asistirán máis de 500 alumnas e alumnos de 11 escolas galegas e portuguesas, presentando a mostra Xurxo Souto. Actuará ademais o grupo de música Tradisón, a compañía de teatro portuguesa "Os tres irmãos e outras historias de amor" e o grupo de música infantil "A Gramola Gominola", coa intención de transmitir ós máis pequenos as manifestacións da tradición oral dos dous lados da fronteira.

En horario de tarde, ás 20:30 horas e tamén no Teatro Municipal de Tui, celebrarase a Gala do Patrimonio, que dá cabida a persoas e grupos portadoras do valor do patrimonio inmaterial galego-portugués por todo o mundo. As diferentes actuacións serán retransmitidas a través da TVG e da RTP, con Xurxo Souto, escritor e xornalista radiofónico, como animador; Cantadeiras do Neiva; o mestre de "cantar ó desafío" Augusto Canário; Vozes da Rádio, Uxía, Malvela e Quico Cadaval, entre outros.