Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A pintora viguesa Emi Torrón leva á Oficina de Turismo de Tui unha colección de 25 pinturas ao óleo

11/08/2015

 

Martes, 11 de agosto de 2015. Onte, ás 20.00 horas, o Concello de Tui inaugurou na Oficina de Turismo unha mostra de 25 pinturas ao óleo da artista viguesa Emi Torrón, que se poderán ver de balde.  No acto de inauguración estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, a concelleira de Cultura, María José González e a concelleira de Urbanismo, Yolanda Rodríguez.

 

O alcalde de Tui quixo felicitar en primeiro lugar a Emi Torrón pola súa exposición. Tamén explicou que a Oficina de Turismo se converterá nun elemento vivo e activo, ao acoller exposicións de elementos pictóricos ou arquitectónicos.

 

O concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, explicou que a Oficina de Turismo, situada no antigo hospital, acollerá as obras e a arte dos artistas locais e da comarca. Asemade, o concelleiro deu conta que na sala contigua á oficina de Turismo, abrirán durante esta semana unha zona de exposición, na que tudenses e turistas poderán ver mostras escultóricas ou pictóricas.

 

A concelleira de Cultura, María José González, deulle as grazas a Emi Torrón por amosar a súa sensibilidade. Pola súa parte, a concelleira de Urbanismo, Yolanda Rodríguez, apuntaba que a exposición de Emi Torrón supón "unha posta en valor da Oficina de Turismo, para que todos os tudenses e visitantes poidan obter unha perspectiva diferente da nosa cidade".

 

Emi Torrón apuntaba que para ela é unha honra expoñer en Tui. Segundo a artista, se tivera que elixir o cadro co que máis se identifica quedaríase co das zapatillas vermellas. Para rematar, Emi Torrón daba conta de que se alguén lle gusta algunha das pinturas expostas, pode mercalas.

 

A exposición poderase ver nas dependencias da Oficina de Turismo, situada na Praza de San Fernando, ata comezos de setembro.  A artista Emi Torrón estará algúns días deste mes na Oficina para explicarlle ó público, in situ, como realiza as súas pinturas.