Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui presentou unha aplicación e unha páxina web destinadas á colaboración cidadá

7/08/2015

Os cidadáns poderán enviar, a calquera hora do día e durante os 365 días do ano, as súas queixas ou peticións ó Concello de Tui

 

Venres, 7 de agosto de 2015. O Concello de Tui presentou hoxe, ás 12 do mediodía, unha aplicación e unha páxina web destinadas á colaboración cidadá. A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de novas tecnoloxías e comunicación, Laureano Alonso. 

 

A función deste servizo é procurar ampliar o marco de relacións entre a administración municipal e a cidadanía, co obxectivo de facilitar o acceso á información e resolver as súas dúbidas. Ademais, o cidadán poderá obter información actualizada e precisa, evitando desprazamentos innecesarios mediante a utilización da aplicación ou da páxina en Internet.

 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, deu conta que estas dúas ferramentas requirirán a atención máxima dos concelleiros e tamén do alcalde, xa que terán a responsabilidade de responder coa menor dilación posible as peticións da cidadanía.

 

Pola súa banda, o concelleiro de novas tecnoloxías, Laureano Alonso, deu conta que o funcionamento da APP é moi sinxelo, xa que a través duns ítems poderase ver se está resolto o problema ou dúbida, e isto tamén servirá para avaliar a calidade do servizo. Ademais, xunto coa queixa ou suxestión, o cidadán poderá enviar unha foto, xunto coas coordenadas en gps.

 

Tanto Enrique Cabaleiro como Laureano Alonso quixeron resaltar a importancia desta medida, xa que os cidadáns disporán a partires de hoxe dunha fiestra directa de comunicación co Concello.

 

A aplicación pode descargarse totalmente de balde no Play Store, e proximamente estará dispoñible para o sistema IOS buscando "Colaboración Ciudadana Tui". Para comezar a usar a ferramenta, os usuarios terán que darse de alta achegando o seu nome, número de teléfono, dirección de correo electrónico e contrasinal. Unha vez remitida a incidencia, os usuarios recibirán as oportunas actualizacións do estado da súa petición, e no seu teléfono móbil quedarán rexistradas as súas contribucións.

 

Pola súa banda, a páxina http://colaboracioncidada.concellotui.org/ tamén permitirá a través da web enviar dúbidas e suxestións. Con estas dúas ferramentas, os cidadáns poderán dar conta das súas peticións durante as 24 horas do día e os 365 días do ano de forma directa coa administración.