Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Estación de Areas vai ver ampliada a súa capacidade de bombeo de augas residuais

12/06/2015

 

Xoves, 11 de xuño de 2015. A estación de bombeo de augas residuais de Areas, pertencente á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, vai ver ampliada a súa capacidade de bombeo. 

 

Na actualidade, as augas negras das poboacións de Pexegueiro, Areas, Malvas e Randufe chegan á estación de bombeo existente, mediante tres colectores, pero debido ao deficiente estado deste bombeo, as augas non chegan a ser enviadas ao punto que se desexa, perdéndose por estancamento ou infiltración.

 

O proxecto conta cunha partida orzamentaria de 493.559 euros e as obras xa se iniciaron no pasado mes de maio. A actuación dotará ás poboacións de Pexegueiro, Areas, Malvas e Randufe dunha nova estación de bombeo e colectores de impulsión. Coma obras complementarias, modificarase o trazado dos colectores de chegada, reporase un pozo roto situado no regato de San Martiño, mellorarase a pavimentación e dotarase á estación dos servizos necesarios.

 

Con esta obra evitaranse as sancións ao Concello de Tui e redundará na mellora da calidade de vida dos veciños da cidade. 

 

Esta actuación está incluída no programa operativo de financiación con cargo ós Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil deseñou dentro do período 2007-2013. Do mesmo xeito, unha parte deste proxecto será financiado con cargo á entidade pública empresarial Augas de Galicia, a través dun convenio co Concello de Tui e coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

 

Moisés Rodríguez, alcalde en funcións do Concello de Tui, quixo expresar a súa satisfacción con esta obra, xa que supoñía un compromiso da alcaldía cos veciños de Tui.