Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A clausura das Escolas Deportivas de Patinaxe da Deputación de Pontevedra en Tui reunirá mañá sábado a máis de mil patinadores/as no novo pavillón deportivo

15/05/2015

Mañá sábado, 16 de maio, a partir das 12.00 horas, no novo pavillón deportivo municipal de Tui, terá lugar o acto de clausura das escolas deportivas de patinaxe da Deputación de Pontevedra en Tui, organizado pola propia Deputación de Pontevedra, o Concello de Tui, a Federación Galega de Patinaxe, e coa colaboración do Club de Patinaxe Artístico Ribex de Tui.

 

Este mediodía na sala de reunións do Concello de Tui, tivo lugar a presentación deste acto de clausura. Na mesma estiveron presentes o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a responsable da Federación Galega de Patinaxe, Mercedes Covelo e o monitor responsable do CPA Ribex de Tui, Santiago Alonso.

Máis de 1.000 patinadores e patinadoras procedentes das escolas de Tui, Vigo, O Rosal, Goián, Gondomar, Soutelo de Montes, Forcarei, Cambados, Soutomaior, Tomiño, Lalín, Campo Lameiro, Poio, Agolada, Ribadumia, Valga, Catoira, Vincios, Belesar, Moraña e Pontevedra, mostrarán ao público asistente os coñecementos adquiridos ao longo da tempada de adestramentos, que dende o mes de outubro do ano pasado levan desenvolvéndose nas distintas localidades da provincia. A Escola de Tui é a máis numerosa da provincia con preto de 150 alumnos.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, mostrou a súa satisfacción porque a cidade acolla este acto de clausura, xa que tanto os xoves patinadores como as súas familias poderán coñecer Tui. Por este motivo agradece á Federación e ao Club de Patinaxe Ribex a organización desta actividade.

 

A responsable da Federación Galega de Patinaxe, Mercedes Covelo, incidiu que se está a incrementar o número de escolas de patinaxe na provincia de Pontevedra. Existen arestora 25 centros e máis de 1500 nenos patinadores.

O monitor responsable do CPA Ribex de Tui, Santiago Alonso, apuntou que o sábado competirán 8 grupos da escola tudense, 3 farano en horario de mañá e os 5 restantes pola tarde.

Dende as 12.00 horas ata as 19.00 horas, o pavillón deportivo acollerá as actuacións de todos os grupos participantes. Ás 19.30 terá lugar o remate do evento, co desfile de todas as escolas participantes e a entrega dos diplomas aos patinadores.