Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui reforza lazos con Fromista e Versmold, dúas localidades coas que está irmandada

17/04/2015

Fromista en Palencia e Versmold en Alemaña son dúas localidades coa que está irmandado o Concello de Tui. Precisamente estes  días estréitanse os lazos de amizade coincidindo coa celebración de San Telmo, patrón de Tui e tamén de Fromista.   

Por unha banda esta fin de semana, mañá sábado e o domingo, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, encabezará a delegación tudense que se desprazará ata Fromista en Palencia, para participar nas Festas de San Telmo na localidade natal do Santo. Tamén acudirán outros concelleiros da corporación municipal así coma a Banda de Gaitas de Guillarei e o grupo folclórico Lembranzas da Terra.

Esta visita coincide co 30 aniversario da irmandade entre Tui e Fromista, no concello palentino celebrándose mañá sábado ás 18h un acto de reforzamento dos lazos de irmandade. Precisamente en Fromista veñen de remodelar a Praza de Tui.

 

Por outra parte a pasada fin de semana, cando en Tui se celebraron os actos centrais da festividade do seu patrón, achegouse ata Tui unha delegación de Versmold, en Alemaña, encabezada polo seu vicealcalde, Horst Hardiek, e membros da Asociación Versmold-Tui, que participaron nos principais actos das festas.  Así o sábado a última hora da tarde foron recibidos na Casa do Concello por membros da corporación municipal, e aproveitaron durante a súa estadía para coñecer os principais puntos de interese tanto de Tui coma da veciña Valença. Amais a delegación alemá participou tamén o luns na solemne procesión de San Telmo, tomando parte na ofrenda floral ao santo realizado ao remate do acto relixioso.

 

Deste xeito o Concello de Tui aposta por estreitar os lazos de amizade con estes dous municipios, tanto entre as distintas corporación coma entre a propia poboación.