Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta fin de semana celébrase a Copa Galega de Esquí Náutico en Tui

14/08/2014

Do 25 ao 29 de agosto celebrarase a II Semana Náutica Coñece o teu río

Xoves, 14 de agosto de 2014. Tui acollerá esta fin de semana a celebración da Copa Galega de Esquí Náutico, que se celebrará nas augas do río Miño, o sábado 16 e domingo 17, organizada polo Club Náutico San Telmo, en colaboración co Concello de Tui.

Esta proba foi presentada hoxe nas instalacións do Náutico San Telmo polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, así como a responsable do área de deportes do Club Náutico San Telmo, Rosa Mª Estévez e o xerente de Arrepións, Ricardo Abundancia.

Cincuenta esquiadores do Club de Arcade e do Náutico San Telmo participarán na Copa Galega de Esquí Náutico realizando mañá venres os adestramentos, e o sábado ao longo de toda a xornada e o domingo pola mañá a competición. Coma novidade haberá unha nova modalidade o hiper-mini-slalom para os participantes máis pequenos. Así o explicaba Rosa Mª Estévez, responsable de Deportes do C.N. San Telmo, na presentación desta proba. Na mesma salientou o feito de que dos 50 esquiadores federados que hai en Galicia 38 pertencen ao club tudense

Neste acto tamén se deu a coñecer o programa da "Semana Náutica Coñece o teu río", que por segundo ano organiza o Club Náutico San Telmo, en colaboración co Concello de Tui e a empresa de actividades deportivas Arrepións. Celebrarase do luns 25 ao venres 29 de agosto dirixida a mozos e mozas de 12 a 16 anos.  Rafting, descenso en kaiak por augas bravas, bautismo de esquí acuático e de wakeboard son as actividades previstas nas que é preciso anotarse ata o mércores día 20 nas oficinas do C.N. San Telmo de martes a domingo de 10 a 14 e de martes a sábado de 16 a 20h ou no teléfono 657 875 716. O prezo por actividade é de 10€ e é preciso contar cun grupo mínimo de 15 participantes por actividade.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou a importancia de por en valor o atractivo turístico do río, que dicía debe converterse nun referente.  O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, salientou a excelente acollida que a Semana Náutica tivo o ano pasado dun centenar de participantes nas distintas actividades. Ricardo Abundancia da empresa Arrepións explicou que o obxectivo desta actividade é "ofrecer unha ampla visión do río e das súas posibilidades".