Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Unha rúa de San Bartolomeu levará dende este sábado o nome de Francisco Comesaña e Chonchiña Concheiro

11/07/2014

Xoves, 10 de xullo de 2014. Este sábado, 12 de xullo, ás 20.30h terá lugar en San Bartolomeu o acto de colocación da placa da rúa Francisco Comesaña e Chonchiña Concheiro, dando cumprimento así ao acordo plenario da Corporación Municipal de Tui de 28 de novembro do ano pasado.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e membros da corporación municipal encabezarán o acto no que se renderá homenaxe a este médico tudense e a súa muller coma sinal de estima por parte dos tudenses e pola súa achega á reconciliación entre os españois e ao proceso de transición culminado pola Constitución Española de 1978.

No mesmo van intervir o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o escritor Manuel Rivas, o médico e escritor Ángel Vázquez de la Cruz, así coma Juan Manuel Vadillo Comesaña e Mª de los Ángeles Comesaña Concheiro, neto e filla dos homenaxeados.  O músico Tomás Camacho interpretará á guitarra xunto a Lucía Vicente ao violonchello o tango-habanera "Chonchiña". Haberá asemade outra peza musical a cargo de Lara Pérez.

Coma remate do acto o grupo de gaitas Inquedanzas de Pazos de Reis interpretará o himno galego e o alcalde Moisés Rodríguez e Mª de los Ángeles Comesaña procederán ao descubrimento da placa co nome da rúa colocada na casa onde vivían Francisco Comesaña e Chonchiña Concheiro.

Debido a celebración deste acto o sábado dende ás 14h non se poderá estacionar no entorno do adro e dende ás 20h non se poderá circular. Haberá habilitado un aparcamento nas inmediacións.