Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Catrocentos deportistas participarán o domingo no I Campionato Ibérico de Kung Fu Tradicional e Kung Fu Moderno da Eurocidade

3/07/2014

Mércores, 2 xullo de 2014.. O novo pavillón municipal de Tui acollerá este domingo, 6 de xuño, dende ás 10.30h o I Campionato Ibérico de Kung-Fu tradicional e moderno da Eurocidade no que van participar catrocentos deportistas tanto españois coma portugueses.

Esta cita deportiva foi presentada esta mañá polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deporte, Nicolás Lorenzo, o vereador de Desporto de Valença, José Monte, o presidente da Federación Galega de Kung-Fu, Carlos Alonso, o director do comité organizador, Eduardo Méndez Sanjurjo, e o responsable do departamento de Kung-Fu Moderno, José Antonio Parada.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez amosou o seu convencemento no novo éxito desta actividade deportiva da Eurocidade, que lembraba segue apostando por prácticas de vida saudables con diversas actividades ao longo do ano. Animaba o rexedor a acudir o domingo ao pavillón tudense a presenciar esta espectacular competición na que agardan se dean cita como público 1.500 persoas.

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, sinalou coma os mellores deportistas de kung-fu se darán cita esta fin de semana en Tui, nun deporte que conta con longa tradición na cidade. Deste xeito continúase coa aposta realizada pola Eurocidade de acoller cada fin de semana un evento deportivo que suma un atractivo máis para os dous municipios e se converten tamén nun reclamou para achegarse ata Tui e Valença.

O vereador de Desporto de Valença, José Monte, insistía nese aspecto turístico que as probas deportivas que se celebran teñen atraendo visitantes á Eurocidade.

O presidente da Federación Galega de Kung-Fu, Carlos Alonso, explicou que o sur de Galicia e Tui en concreto ten un peso específico neste deporte, contando cun gran viveiro de deportistas desta disciplina. Amosaba amais que celebrar na cidade unha proba é garantía de éxito pola colaboración atopada, as instalacións e pola implicación de Eduardo Méndez Sanjurjo,  Por último salientaba coma este Campionato Ibérico suporá abrirse a outras federacións ao participar deportistas de Madrid, Córdoba, Asturias ou Portugal.

Eduardo Méndez Sanjurjo, do Comité Organizador, afirmou que este primeiro Campionato Ibérico camiña para que sexa no futuro un campionato internacional, agradecendo á Federación Galega permitir unir nun mesmo evento o kung fu tradicional e moderno. Esta será unha proba de alto nivel na que os trofeos, afirmaba, van estar moi disputados.

Jose Antonio Parada, do departamento de Kung-Fu moderno explicou que haberá catro modalidades   dúas con puños e dúas armas curtas e longas contando coa presenza de competidores de alto nivel.  Tamén puxo o aceno en que este primeiro Campionato Ibérico, abrirá as portas a futuras colaboracións entre as federacións galega e portuguesa.

Serán tres horas de competición espectacular na que se van dar cita campións nacionais e medallistas europeos. A competición está baseada en aspecto técnicos, estéticos e educativos do kung-fu con probas de combinación de movementos libres, defensa persoal simulada e patrón de movementos (tao) previamente establecido para cada categoría.

Obradoiro técnicos gratuítos

De forma paralela a este campionato o sábado os pavillóns de Valença acollerán tres obradoiros gratuítos. Julio Conde, mestre nacional, impartirá de 17 a 18.15h o  de Kung-fu infantil, para nenos de 8 a 14 anos.  José Antonio Parada, mestre nacional, conducirá o obradoiro de Taichi e Chi Kung de 17 a 18.15h no que amosará os beneficios para a saúde desta práctica. Por último de 18.15h a 19.30h desenvolverase o taller de defensa persoal con bolígrafo a cargo de Óscar Rodríguez, especialista en defensa persoal feminina e policial, especialmente dirixido a mulleres e forzas e corpos de seguridade.  Un centenar de persoas están xa anotadas neste obradoiros, no que continúa aberta a inscrición no 986 60 15 63 no ximnasio Di Som Tui ou no correo disomtui@telefonica.net.