Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui retirou os fondos de NovaGalicia Banco dando cumprimento ao acordo plenario do mes de decembro

5/05/2014

No mesmo dábase un prazo de tres meses á entidade para solucionar o problema dos afectados polas preferentes e subordinadas

Luns, 5 de maio de 2014 . O Concello de Tui procedeu á retirada de fondos de NovaGalicia Banco dando cumprimento ao acordo plenario adoptado por unanimidade o pasado 30 de decembro se a entidade bancaria nun prazo de tres meses non solucionaba o problema dos afectados polas preferentes e subordinadas.

Dende o departamento de Intervención-Tesourería do Concello de Tui cursaron invitacións a seis entidades bancarias con oficina en Tui para que achegaran as súas propostas para a colocación dun depósito dun millón de euros e para a apertura de conta, no que se tivo en conta para a selección o tipo de interese trimestral ofertado para o depósito  e para remuneración da conta financeira.

Unha vez pechado o prazo de presentación das propostas o pasado 9 de abril, a proposta máis vantaxosa para o concello foi a do Banco Sabadell para a constitución do depósito por importe dun millón de euros cun tipo de interese dun 1,25% TAE, e do Banco Sabadell e Banco Popular, para a apertura dunha conta financeira de colocación de excedente cun tipo de interese dun 1% TAE ingresando 2.387.081,82€ no Banco Sabadell e 1.300.000€ no Banco Popular.