Vinte homes veciños de Tui reciben un diploma sobre “Xestión Doméstica”
Xoves, 11 de xullo de 2013. Os 20 homes participantes no programa “Xestión Doméstica”, promovido polo Plan de Inclusión da Xunta de Galicia e en colaboración co Concello de Tui, recibían onte os seus diplomas acreditativos.
Os alumnos, todos de orixe marroquí e receptores do RISGA, formáronse nesta área a través dun curso de 20 horas de duración que se impartiu na Casa da Xuventude de Tui.
O programa do curso baseábase en catro bloques fundamentais coma son a organización das tarefas domésticas, as bases da microeconomía doméstica, a organización dos espazos e do tempo, e un plan de alimentación e actividade física para o autocoidado.
O alcalde Moisés Rodríguez, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais Olga Montes, e a técnica do Plan de Inclusión Dory Rodríguez, facía así entrega dos diplomas, salientando a importancia de saber realizar as tarefas domésticas e de aforro enerxético para os tempos difíciles que estamos a vivir.