O Concello de Tui aproba os estatutos do novo Consorcio do Louro
- Tamén o fixeron os Concello de Mos, Porriño e Salceda de Caselas
- O consorcio xestionará o ciclo completo da auga dos case 60.000 habitantes destas catro administracións municipais
- O novo ente irá un paso máis alá da xestión da EDAR de Guillarei e encargarase de todo o saneamento e abastecemento, inspección, explotación de todas as instalacións de potabilización, depuración e bombeo do ámbito territorial
- A sociedade configúrase como local, aínda que con participación autonómica, polo que a Xunta permanecerá para garantir a sostibilidade institucional e económica nos primeiros anos ata o seu autofinanciamento
- É unha iniciativa pioneira en Galicia
Logo de ultimada toda a tramitación previa, onte foron aprobados polo Pleno do Concello de Tui os Estatutos do Consorcio do Louro así como plenos dos concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas.
Cómpre recordar que no ano 2009 a Xunta de Galicia puxo en marcha a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Guillarei e impulsou a creación dun consorcio que se encargara da xestión do sistema de saneamento do Louro, o cal inclúe a citada EDAR. Pero o novo ente irá máis alá da idea inicial de xestión da EDAR de Guillarei, xa que se encargará de todo o saneamento e abastecemento, inspección, explotación de todas as instalacións de potabilización, depuración e bombeo do ámbito territorial.
O novo consorcio xestionará o ciclo completo da auga dos 58.918 habitantes dos 4 concellos pontevedreses. A prestación deste servizo integral implica a garantía ambiental para o río Louro, non só coa xestión do saneamento, senón cun sistema de inspección máis rigoroso dos vertidos das industrias; o servizo da depuración da EDAR de Guillarei e a sostibilidade económica, financeira e institucional na xestión.
O consorcio configúrase como local, aínda que con participación autonómica, polo que a Xunta permanecerá para garantir a sostibilidade institucional e económica nos primeiros anos, ata o seu autofinanciamento. Cabe recordar que o consorcio será o que xestione directamente os ingresos polos servizos da auga, en vez de recibir transferencias dos concellos, o que evitará problemas no futuro por débedas ou reparto de custos.
Unha vez adoptados estes acordos de aprobación definitiva dos estatutos e de constitución desta entidade local o Consello da Xunta os aprobará, mediante decreto, que se publicará no DOG xunto co texto íntegro dos Estatutos, e tras este último trámite procederase a súa constitución definitiva do Consorcio e ao inicio do seu funcionamento.
Novidades do novo estatuto
As principais novidades introducidas nos estatutos:
- A principal, que se amplía o obxecto do Consorcio a todo o ciclo da auga. Modifícase o título, a finalidade, as potestades e as competencias do ente supramunicipal no senso de abarcar a prestación destes servizos.
- Simplifícase a composición do Comité Directivo e a elección da Presidencia e Vicepresidencia, de modo que a representación dos concellos é superior á da Comunidade Autónoma de Galicia, de modo que se afiance a natureza local do consorcio.
- Prevese que o financiamento sexa preferentemente con recursos propios, o que evitará transferencias dos concellos ao Consorcio, e co apoio explícito da Xunta de Galicia para cubrir eventuais déficits que se poidan producir nos primeiros anos de funcionamento.
- Así, a xestión do servizo, e a recadación polo servizo será directa por parte do Consorcio.
- Para reforzar a transparencia e a operatividade, introdúcense dúas previsións a petición dos concellos relativas a necesidade de aprobación dos proxectos polos concellos nos que se vaian a executar as obras promovidas polo Consorcio, e a permitir que os concellos poidan executar obras promovidas por eles no ámbito dos seus termos municipais, co coñecemento do Consorcio.