Rematou a primera fase da humanización da rúa Martinez Padín cunha substancial mellora na seguridade vial
Forma parte das obras de mellora do Centro Comercial Aberto
Hai uns días finalizaron as obras da primeira fase da “Humanización e mellora do Centro Comercial Aberto” que foron executadas na rúa Martínez Padín ao abeiro da achega realizada pola Consellería de Economía e Industria no seu programa de “Subvención a corporacións locais para adecuación e modernización de equipamentos comerciais”.
Nesta intervención foron ampliadas e melloradas as beirarrúas da rúa Martínez Padín, comprendendo unha importante intervención nunha perigosa curva que existía nesa rúa e que grazas á colaboración dun veciño que cedeu parte do seu terreo foi posible ampliar esta curva e a súa beirarrúa. Esta intervención redunda nun incremento substancial da seguridade vial, pois ata agora aquel lugar era excesivamente estreito tanto para os vehículos como para os peóns, sinala o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez.
Estas obras subvencionadas comprenden as seguintes intervencións:
- Ampliación e Mellora das beirarrúas das Rúas Martinez Padín e Rúa Colón.
- Mellora do firme da Rúa Martinez Padín
- Mellora do alumeado das mesmas.
-
Supoñen un investimento completo de 179.888,11 euros divididos en dúas anualidades, executándose á referida ao ano 2011 cunha subvención por parte da Consellería de Economía e Industria do 75% do importe.
O alcalde amosa a súa satisfacción por esta obra que tan positivamente ten sido acollida polos veciños de Tui, “pois algún grupo da oposición municipal tiña amosado a súa oposición a este investimento, que agora comprobamos que era un gran acerto” pois xunto ao referido á seguridade vial naquel punto extremadamente perigoso foi tamén mellorada a imaxe desta céntrica rúa tudense agora dotada cunhas beirarrúas axeitadas e consonantes coa súa situación xunto ao conxunto histórico. Unha mellora que culminará cando se execute a segunda fase desta obras con intervencións no firme da rúa e no seu alumeado público.
Finalmente o rexedor tudense agradece a colaboración do veciño pois sen esa axuda esta obra non podería acadar os positivos resultados que todos comprobamos ao transitar por esta rúa Martínez Padín.