Play-Doc sortea a crise cunha edición “histórica” pese ao descenso do orzamento
O oitavo Festival Internacional de Documentais de Tui celebrase do 21 ao 25 de marzo
Do 21 ao 25 de marzo Tui vai acoller a oitava edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, que en sete anos se ten convertido en todo un referente no sector tanto a nivel nacional coma internacional, contando co aval de 45 mil espectadores.
Play-Doc foi presentado esta mañá polo alcalde, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e os directores do festival Sara García e Ángel Sánchez.
Esta cita co documental non permanece allea á situación económica, e poder levar adiante a oitava edición supuxo un novo esforzo por parte dos organizadores, para poder manter o festival no circuíto internacional, pese a todo Sara García destacaba que “a edición deste ano vai ser histórica, ao cristalizar todos os esforzos realizados até o de agora”. Tamén recoñecía a co-directora do Festival tudense que para chegar a esta oitava edición tiveron que facer fronte a problemas de visibilidade e de presuposto, que supoñen facer un festival desta dimensión nunha localidade pequena, polo que dicía que “están moi contentos de poder anunciar esta oitava edición”.
Na presentación desta mañá Sara García e Ángel Sánchez recordaban que “este é un festival feito dende a periferia artística e xeográfica que defende unha proposta cultural alonxada do comercial”, abondando que “ofrece o cine esencial ao que é difícil acceder fóra dos festivais”. Ángel Sánchez indicaba que “esta é unha aposta na que cremos e que seguiremos defendendo”.
Nese senso referíase á parte económica do festival explicando que a día de hoxe, a mes e medio do comezo, falta por pechar os últimos detalles da programación, para o que agardan que se materialice o apoio por parte da Xunta de Galicia. Os próximos días, dicía Ángel Sánchez, serán decisivos para o festival nunha edición na que o orzamento será inferior ao de 2011. Pese a iso afirmaba que “a programación deste ano vainos posicionar nun lugar privilexiado”.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, afirmaba que “Play-Doc é moi visible tanto en Galicia como en España e no mundo” e facía referencia ao efecto “multiplicador” do festival nun lugar pequeno como Tui. Apuntaba que “o Concello aposta por Play-Doc e a Xunta vai seguir apostando por el” porque “nos tempos complicados so os bos resisten”.Concluía indicando que “Play-Doc é a xoia da cultura de Tui”.
Pola súa parte a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, agradecía o esforzo feito por Sara García e Ángel Sánchez, así como polo grupo de colaboradores de Play-Doc, desexando que esta nova edición volva ser un éxito e que o festival siga sendo todo un referente no sector.
Nesta edición na sección a competición haberá unha coidada selección das películas máis representativas do ano, na que o audiovisual galego volverá ocupar un lugar destacado. Optarán a cinco mil euros en premios.
A música será outro dos pratos fortes de Play-Doc cun cartel de concertos a cargo dos protagonistas das películas presentadas na sección de documentais de música. Neste ámbito avanzaban que esperan sorprender cunha banda internacional. Tamén un ano máis traerán a figuras claves do cine documental dentro das retrospectivas.
Seguirase tamén a aposta pola formación coa cuarta edición do proxecto “O Retrato Filmado” e con “Doc in progress”.
