Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de cen parellas participan no III Trofeo Concello de Tui de Baile Deportivo este domingo

24/11/2011

Disputarase a partir das 13.30h no novo pavillón municipal

O novo pavillón de deportes de Tui acolle este domingo o III Trofeo Concello de Tui de Baile Deportivo. Vaise disputar entre á unha e media do mediodía e ás oito da tarde coa participación de máis de cen parellas tanto de España coma de Portugal. Está organizado de xeito conxunto pola Escola de Baile Pasos e polo Concello de Tui.

A presentación desta actividade deportiva tivo lugar esta mañá por parte do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o director da Escola de Baile Pasos, Miguel Abreu.

Este III Trofeo Concello de Tui de Baile Deportivo será puntuable para o ranking nacional. Os participantes teñen entre 3 e 60 anos, atopándose entre as parellas participantes a mellor de España, Patricia Martínez e Adrián Esperón, e a mellor de Portugal, as dúas participaron recentemente no Campionato do Mundo en Moscova.  Haberá un total de 9 xuíces para  a competición internacional, e cinco para a nacional entre as que se atopa Joana Subirana do programa “Mira quien baila” da TVE, sendo a primeira vez que exercerá de xuíz en Galicia.

Na presentación desta mañá Miguel Abreu salientaba que “Tui é o sitio perfecto para esta competición tanto por instalacións como pola súa proximidade a Portugal”, onde explicaba que o baile deportivo está tamén en auxe.  Amosouse moi satisfeito coa participación lograda, máis de cen parellas, que supera a da edición do ano pasado, e máis tendo en conta que a nivel nacional baixou o número de parellas en competición.  Tamén explicou que o baile deportivo é unha disciplina que require moito esforzo físico e adestramento.

Con respecto á competición en sí explicaba que comezará polas categorías máis baixas, de xente que leva pouco tempo bailando, ata chegar a internacional.

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, agradeceu o entusiasmo e as gañas de Miguel Abreu para celebrar este evento deportivo na cidade. Agarda que sexa todo un éxito e que amais dos participantes moita outra xente se achegue á Tui para disfrutar desta competición.

Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, deu conta do efecto multiplicador que ten este evento, que amais dos participantes achegará ata Tui a moita outra xente, o que dicía, redundará en beneficio do comercio local. Ao tempo, e con respecto á presenza de parellas portuguesas, indicaba que este é un paso nas actividades transfronteirizas que se fan no municipio.

As entradas para esta actividade teñen un custe de 6€, sendo gratuítas para menores de 12 anos.

 

Horarios (PDF)